miércoles, 22 de octubre de 2014

16 COMERCIOS PONTESES DE ROUPA, CALZADO E ARTIGOS DO MÁIS DIVERSO PARTICIPARÁN NA VI EDICIÓN DO MERCADO DE OPORTUNIDADES VILA DE AS PONTES

O vindeiro 1 de Novembro a moda, o calzado, os artigos de decoración, fogar, as xoiais e incluso o mundo das fragancias tomarán unha vez máis a Avenida da Coruña, na que será a VI edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes. E é que o popular MOVA servirá, un ano máis, coma un reclamo a maiores da fin de semana do primeiro de novembro e coma aliciente tamén para visitar a nosa vila xunto coa tradicional Feira de Fungos e Cogumelos, que terá lugar en menos de dúas semanas. A iniciativa, que volve contar coa organización da Concelleria de Industria, Promoción Económica, Comercio e Hostalaría xunto co Instituto Pontés de Promoción Económica, desenvolverase tanto o día 1 coma o día 2 de novembro. Na convocatoria daranse cita un total de 16 establecementos da nosa vila, con mercadorías tan variopintas coma os doces, a roupa deportiva, o calzado, os agasallos, as xoias ou os artigos de papelería. Así, neste MOVA 2014 podemos atopar establecementos de agasallos coma Sulian, Dekologas ou Tres Lúas, postos de tendas de roupa coma Vilaboy, Bolboreta, Lecar 712, La Estrella; zapaterías coma Zokos, Saavedra, Kaye, stands de beleza e perfumería coma Max Dream e outro tipo de establecementos coma Templo, Libraría Xandra, Caramelería Mesturas ou incluso comercios que se estrean nesta cita como é o caso de Óptica Carmela que compartirá posto co espazo infantil Picariños. No tocante aos seus horarios, o MOVA abrirá as súas portas o sábado de 9.30 a 19.30 horas e o domingo dende as 10.30 ata as 19.30 horas. Por suposto haberá premios para os clientes que se acheguen ata estes postos e se animen a facer algunha que outra compra. Así, para este ano, está previsto que se repartan 500 euros en vales desconto entre os dous días desta feira de oportunidades. De feito, por cada compra o cliente recibirá un boleto cun número que servirá tanto para os sorteos do sábado coma para os do domingo e que terán lugar ás 17.00 horas. Así, para o sábado está previsto que se repartan dous vales de 100 euros cada un e xa o domingo sortearanse outros tres vales, de 100 euros, que deberán gastarse durante o propio MOVA. Deste xeito, dende o departamento que dirixe Montserrat García búscase que estes premios repercutan positivamente nos propios comercios participantes ao que se suma tamén que os propios veciños e veciñas poidamos desfrutar durante esta fin de semana de compras de artigos de gran calidade a prezos reducidos e de ofertas e promocións específicas para esta cita que, de seguro, serán tamén do máis beneficiosas para os nosos petos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario