martes, 21 de octubre de 2014

A campaña Saborea As Pontes 2014 afronta a súa recta final co sorteo dun televisor entre o público participante

José Ballesteros Landázuri resultou hoxe agraciado co televisor de 32" co que a Concelleria de Industria, Promoción Económica, Comercio e Hostalaría, agasallaba a grande participación dos veciños e veciñas dunha nova edición do Certame de Tapas Saborea As Pontes e no primeiro Certame de Cócteles e Combinados. A papeleta do gañador foi extraída este mesmo mediodía pola secretaria do Concello, Marina Nuñez, e ante a presenza do xurado do certame, no que se contou coa participación de integrantes da Casa do Mel de Goente, da Asociación de Empresarios e Comerciantes, da Asociación de Amas de Casa e do Clube Gastronómico El Gourmet. Máis de 1.100 boletos participaron neste sorteo entre os recollidos durante os dez días de concurso tanto no certame de tapas coma no concurso de cócteles aínda que non será ata este venres cando se den a coñecer o resto dos premios desta nova edición do Saborea As Pontes. A Concelleira Montserrat García, Chavarría aproveitou a ocasión para agradecer unha nova mostra de implicación veciñal, apoiando desta vez a un sector moi importante da economía local. "Debemos salientar o traballo dos hostaleiros locais, que nestes días se esforzaron por mellorar unha oferta que xa nos ofrecen a diario, e na que volvía quedar patente a súa profesionalidade e bo facer. Pero tamén hai que agradecer á veciñanza a súa participación, polo que ten de apoio ó desenvolvemento local nun sector con moito peso na actividade económica e na xeracón de emprego" Agora, en tan só tres días poderemos coñecer o nome do establecemento que recibirá o premio á tapa pontesa máis valorada polo público; o do local coa proposta gastronómica mellor puntuada polo xurado e tamén ao pincho máis atractivo segundo o cociñeiro Yayo Daporta. A estes tres galardóns sumarase tamén o premio ao mellor cóctel ou combinado deste Saborea As Pontes 2014. A entrega de premios terá lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello dende as 19.00 horas, e na mesma tamén se fará entrega do televisor a José Ballesteros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario