jueves, 23 de octubre de 2014

A Feira de Fungos e Cogumelos de As Pontes celebrará o 1 de Novembro o seu XXV aniversario

O Concello, mediante o departamento de Cultura, está a ultimar un intenso programa de actividades que arrincará cunha saída micolóxica e un obradoiro culinario pàra o vindeiro 31 de outubro As Pontes, 23 de Outubro de 2014.- As Pontes albergará o primeiro de Novembro unha nova edición da Feira de Fungos e Cogumelos do municipio, unha cita gastronómica de gran relevancia en toda Galicia e que cumprirá o seu primeiro cuarto de século. Durante o 1 de novembro, e dende primeiras horas da mañá, as rúas do centro urbano veranse ateigadas de postos de produtos de outono, de artesanía e, por suposto, da tradicional mostra de cestas de fungos que, cada ano participan no popular certame que, dende hai vintacinco anos, se organiza no municipio coa fin de impulsar o mundo da micoloxía e deste tipo de produtos de outono. Para esta edición, dende o cabildo pontés, a traverso da concellería de Cultura, apostarase pola mestura de actividades xa tradicionais coma o Concurso de Cestas ou as degustacións populares que se xuntarán tamén con outro tipo de actividades vencelladas coa micoloxía e que van dende saídas polos montes da zona para identificar e recoller fungos ata obradoiros de cociña ou, incluso, espectáculos de humor. A programación desta XXV Feira de Fungos e Cogumelos arrincará xa o vindeiro día 31, coa reedición dunha saída ás 08.30 horas polos montes ponteses coa dirección dos expertos José Luis Cuba e Antonio Díaz e coa que tamén colabora o Clube de Montaña O Caxado. Esta excursión tamén incluirá, xa á tarde, unha xornada de clasificación de especies recollidas nas dependencias do Mercado Vello e ata un obradoiro de cociña e conserva de produtos micolóxicos na Casa Dopeso. Xa para o día 1 de Novembro teremos coma sempre o tradicional certame de cestas na Praza de América dende as 10.00 e ata o mediodía e na que se repartirán ata mil euros en premios entre as mellores cestas presentadas; exposicións de produtos de outono e artesanía e, por suposto, a sesta edición edición das Xornadas de Artesanía protagonizadas polos Artesáns do Eume e que estarán dando conta do seu bo facer co torno ou o cincel na sala de exposicións do Mercado Vello e tamén na rúa Ramón Cabanillas, durante toda a mañá. Asemade, na Casa Dopeso, será posible desfrutar dos traballos que concorrerán nesta edición ao certame escolar O Mundo da Micoloxía e do que, cada ano, sae o que será o cartel anunciador da feira do fungos do ano seguinte. Non faltarán as degustacións de productos da comarca coma o queixo ou o mel e os postos de venda de produtos ecolóxicos e de outono, que tamén estarán ubicados durante a mañá nas rúas Alexandre Bóveda e Ramón Cabanillas. Outro dos pratos fortes do día será a tradicional degustación popular da que, nesta ocasión, se repartirán 600 racións e que estará composta por lentellas guisadas con níscalos, pleorotus e champiñóns; lasaña de polo con boletus edulis, rebozuelo e trompetillas e tarta de requeixo con mel a un prezo de 10 euros e que se servirá no patio do colexio de Santa María entre as 12.30 e as 15.00 horas. Tamén este patio será escenario, ás 12.30 horas, da entrega de premios do certame de cestas e de diferentes actuacións de grupos locais que, durante a mañá, amenizarán coa súa música as rúas do centro urbano e ata o xantar popular. A xornada do primeiro de Novembro pecharase co espectáculo do cómico Alex Clavero que, ás 18.30 horas, subirase ao escenario do auditorio municipal Alovi co seu espectáculo Mi madre es Trending Topic. As localidades poranse á venda a vindeira semana a un prezo de 3 euros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario