miércoles, 11 de febrero de 2015

A Concellería de Servizos Sociais impartirá un cursos de preparación para a obtención das Competencias Clave

25 ponteses e pontesas, desempregados e que carezan de Estudos Secundarios poderán participar nestas clases gratuítas As Pontes, 11 de Febreiro de 2015.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais, ofrecerá dende finais deste mes de febreiro clases preparatorias dirixidas a superar as probas de avalación de competencias clave, convocadas pola Xunta de Galicia para a realización de cursos oficiais e homologados con Certificado de Profesionalidade de Nivel 2. Dende a concellería que dirixe José Alén decidiron apostar por este recurso formativo que ten como prinicipais destinatarias a todas aquelas persoas que non puideron, no seu día, acadar o Graduado Escolar ou o título en Educación Secundaria pero que buscan unha saída formativa que lles permita acceder máis facilmente ao mercado laboral. De feito, estas probas son máis sinxelas que as necesarias para obter os títulos de E.S.O ou Graduado Escolar e permiten lograr incluso o acceso aos Certificados de Profesionalidade. E é que, tal e como apuntaba o edil, mediante estas probas é posible contar cunha acreditación oficial da Xunta de Galicia dun xeito máis asequible para eses colectivos que teñen máis dificultades de acceder ao mercado laboral por mor da súa falla de titulación. Segundo explicou Alén, esta iniciativa formativa ten como principais destinarias a persoas empadroadas en As Pontes, inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e tamén na bolsa de emprego municipal, sen estudos e con dificultades para a inserción laboral. As clases arrincarán o vindeiro día 23 e desenvolveranse por un período de tres meses, de luns a xoves, en horario de 09.30 a 13.30 horas. Por suposto, serán clases gratuítas que terán como escenario as dependencias da Casa Dopeso. No tocante aos contidos, a materia dividirase en catro módulos formativos (matemáticas, lingua galega, inglés e lingua castelá) e contarase cun máximo de 25 alumnos. Para inscribirse os interesados deberán achegarse dende mañá xoves e ata o vindeiro día 19 á concellería de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso en horario de 09.00 a 15.00 horas e alí cubrir o pertinente formulario e facer entrega dunha fotocopia do D.N.I e do certificado do SPEG do tempo que leva en desemprego. Asemade, para aclarar calquer tipo de dúbida tamén será posible telefonar ao 981 44 10 08 ou ben ao 667 129 335. Outras iniciativas formativas para adultos Ademáis deste curso preparatorio, a Concellería de Servizos Sociais continuará tamén a ofrecer titorías para aqueles alumnos e alumnas que xa se presentaron ás probas de obtención do título de Educación Secundaria Obrigatoria e que non tiveron éxito nalgunha das materias. De feito, habilitaranse 15 prazas a maiores das 25 das clases de preparación de Avaliación de Competencias Clave, dirixidas a aqueles veciños e veciñas que xa participaron no programa de obtención do título en E.S.O, tamén impulsado dende a Concellería de Servizos Sociais, e aos que aínda lles quedou unha materia específica por superar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario