sábado, 14 de febrero de 2015

O Concello de As Pontes conmemorará o Antroido coa celebración, o domingo, da XXXV Feira do Grelo

Como novidade para este ano, o executivo local renderá homenaxe a un dos fundadores desta cita: Alexandre Pérez-Sindín As Pontes, 13 de Febreiro de 2015.- O Concello de As Pontes vestirase este domingo de antroido para celebrar, un ano máis, a súa tradicional Feira do Grelo; unha cita que celebrará a súa 35ª edición e que virá ateigada de múltiples actividades pero tendo a tradición como principal eixo central. O programa deseñado pola concellería de Cultura abrirase co tradicional certame de cestas que, por segundo ano consecutivo se traslada ao Mercado de Abastos. Entre as 8.00 e as 10.00 horas os participantes deberán presentarse neste lugar para que as súas cestas poidan ser numeradas pola organización e, deste xeito, entren en concurso. Os premios serán os habituais xa que un xurado valorará non só as cestas con mellores madas de grelos senón tamén aquelas máis orixinais entre as que se repartirán premios de entre 60 e 300 euros. Ata as 11.00 horas o xurado valorará todas as propostas e as non premiadas poderán ser postas á venda, xunto con artigos como mel e queixo da comarca, empanadas ou pan e que tamén terán o seu lugar no propio Mercado de Abastos. Asemade, durante a mañá tamén será posible desfrutar doutro tipo de actividades coma a exposición de artesanía e de productos do Eume que quedará instalada na rúa Ramón Cabanillas ou da mostra de fotografía Rutinas de Outono de Jonás Álvarez e que poderemos visitar nas dependencias da Casa Dopeso. Por suposto o torneado de madeira volverá ser todo un aliciente para desfrutar da mañá de domingo co traballo dos Amigos da Madeira que contarán tamén co seu lugar de traballo na rúa Ramón Cabanillas aínda que, este ano, o gran protagonista será o torneiro Fernando Vérez ao que se lle adicará unha mostra do seu traballo e da súa vida nas dependencias do Mercado Vello; unha homenaxe do máis merecida. A música asolagará as rúas do centro urbano coas actuacións de diferentes grupos locais e, por suposto, tamén haberá un importante espazo para a gastronomía propia destas datas coa degustación popular de cocido que arrincará ás 12.30 horas e que terá como escenario o patio do Colexio Santa María. Para este ano, dende a concellería de Cultura volvíase apostar pola empresa Catering Ferrolterra que servirá 400 racións de sopa, cocido tradicional, requeixo da Faeira e mel de Goente a un prezo de 10 euros. Toda unha aposta polo típico destas datas e que sempre funciona. Non faltarán os freixós que se poderán adquirir, como é habitual, na freixoeira que se instalará diante do patio do Colexio Santa María e que, coma sempre terán un prezo de 1 euro por cada tres unidades. Asemade, tamén será posible achegarse ata a Casa do Mel de Goente ou ata o Museo Etnográfico de Monte Caxado que estarán abertos para recibir a todos os visitantes que tamén se decidan a pasar por estas dependencias na xornada de domingo; e xa como peche do día nada mellor que desfrutar do humor, da ironía e por suposto da inspiración e boas letras das comparsas que participarán na XII edición do Festival de Comparsas Vila de As Pontes. O Auditorio Municipal Alovi acollerá este certame que arrincará ás 18.30 horas e no que se premiarán ás formacións que realicen a mellor actuación, a que conte con mellores letras e a que teña o mellor vestiario. Homenaxe a Alexandre Pérez-Sindín A xornada do domingo de Antroido nas Pontes tamén contará cunha novidade e é que, ademáis da homenaxe ao torneiro Fernando Vérez, o executivo local quixo tamén aproveitar estas datas para lembrar a figura dun dos promotores da primeira Feira do Grelo: Alexandre Amador Pérez-Sindín Fraga. Así as cousas, ás 11.30 horas do mesmo domingo de Antroido está previsto que se celebre na Casa do Concello un acto de homenaxe coa súa familia na que se recoñecerá públicamente a súa aportación na xénese da que foi a nosa primeira festa gastronómica, e entregarase unha placa de agradecemento. O acto será aberto a toda a poboación. Asemade, dende este ano instaurarase un premio co seu nome no certame de cestas e que será o galardón á maior calidade do grelo e que pasará a denominarse Premio Alexandre Pérez-Sindín.

No hay comentarios:

Publicar un comentario