O programa ideado por Servizos Sociais para conciliar vida laboral e familiar tamén incluirá actividades coma sendeirismo ou fotografía
O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais, puxo en marcha unha nova edición do programa de conciliación Aulas de Diversión. Foi o pasado sábado mediante un obradoiro de cociña gratuito bautizado coma ¡Á mesa! para rapaces e rapazas de entre 6 e 12 anos e que terá continuidade tamén esta mesma fin de semana.
Unha trintena de pequenos e pequenas coparon as prazas ofertas ao abeiro deste taller de cociña e que conta con tres horas de duración, divididas en dúas sesións.
As clases estanse a desenvolver nas dependencias da Escola Infantil A Barosa e nas mesmas os participantes están a aprender non só a idear pratos sinxelos e sans, coma unha brocheta de froitas ou un flan caseiro, senón que tamén aprenden a identificar e diferenciar os sabores e a combinar aqueles alimentos que menos lle gustan, coma as verduras, para transformalas nun prato san, saboroso e atractivo.
Por outra banda, os futuros cociñeiros e cociñeiras tamén están a aprender as diferentes técnicas empregadas na cociña e os instrumentos que se poden empregar para elaborar, por exemplo, unha apetitosa pizza tropical ou un batido natural, coma os preparados o pasado sábado e que os pequenos puideron levar para os seus fogares e compartir coa súa familia.
Asemade, os rapaces e rapazas están a recibir unha copia das receitas que están a realizar para practicar na casa as súas habilidades culinarias.
Dende o departamento de Servizos Socias, o seu máximo responsable José Alén explicou que iniciativas coma esta están a lograr non só aliviar a carga de traballo dos pais e nais, que nas mañás do sábado, tamén deben desenvolver diferentes actividades vencelladas coas tarefas do fogar ou co propio traballo, senón que tamén axuda a achegar aos pequenos e pequenas a novos sabores e texturas e a non rexeitar alimentos menos populares pero moi sans e necesarios para o noso organismo.
Este sábado retomarase o obradoiro de cociña infantil pero xa para o 30 abril arrincarán novas actividades nas que será posible participar sen anotarse previamente. Este é o caso da xornada adicada ao sendeirismo titulada Os Camiños de As Pontes ou do obradoiro de fotografía As Pontes a vista e nen@.
O 14 de maio celebrarase unha clase de educación vial namentras que para o día 21 de maio está programada unha xornada de xogos no parque. Maio rematará cun taller de radio e xa para o de xuño, e despois de tanto esforzo, terá lugar unha festa de fin de curso.
Todas estas actividades terán como escenario a Casa de Don Pedro onde, dende as 10.00 e durante tres horas, se desenvolverán estas iniciativas que estarán coordinadas por un grupo de monitores. A inscrición, como ven sendo habitual, será totalmente gratuíta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario