viernes, 15 de abril de 2011

O Concello de As Pontes repartirá 500 euros no certame de carteis anunciadores das festas patronais

• O departamento de Cultura organiza un ano máis este concurso ao que será posible presentarse ata o vindeiro 2 de maio

O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, ven de abrir o prazo para tomar parte no certame de carteis anunciadores das Festas do Carme e a Fraga 2011.
Nesta nova edición poderán participar todos aqueles mozos e mozas de entre 14 e 30 anos que poderán presentar as súas propostas no departamento de Cultura ata o 2 de maio, ás 12.00 horas.
Os premios deste ano sumarán un total de 500 euros: 300 euros para o cartel gañador e dous accésits de 100 euros cada un para as propostas máis votadas tras do debuxo escollido polo xurado.
O cartel deberá incluír como lema Festas do Carme e a Fraga – As Pontes – Do 15 ao 25 de xullo de 2011 e a técnica a empregar será libre. No tocante ás medidas a proposta deberá ser de 40x70 centímetros, inédita e orixinal e tan só se poderá presentar un debuxo por persoa.
O cartel deberá vir acompañado por un sobre no que o participante incluirá a fotocopia do DNI, teléfono, nome, apelidos e enderezo.
Os debuxos deberán presentarse ou enviarse ao Departamento de Cultura, sito na Casa Dopeso, na Rúa Rosalía de Castro, 28 – 15320 – As Pontes. Para solicitar calquer tipo de información será posible telefonar ao 981 44 03 44 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@aspontes.org.

Teatro fin de semana
Por outra banda o departamento de Cultura clausurará esta fin de semana o programa Os Domingos ao Teatro, dirixido a achegar as artes escénicas aos máis pequenos da casa.
O domingo visitará o auditorio municipal Alovi a formación ourensá Talía Teatro. Ás 18.00 horas arrincará a representación dunha das súas últimas montaxes infantís: Carta Urxente para Máximo Toxo, unha historia de amizada entre un escritor tosco e solitario e unha carteira simpática e faladora que deberán compartir unha interesante aventura.
O espectáculo, dirixido ao público de entre 6 e 11 anos, é unha comedia ideada e dirixida por Diego Rey e protagonizada por Dani Trillo e Marta Ríos.
As localidades poranse á venda mañá na billeteira do auditorio municipal Alovi, en horario de 12.00 a 13.30, e o domingo dende as 16.30 ata o inicio do espectáculo. O seu prezo é de 3 euros para adultos e de 1,50 euros para menores de 12 anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario