

Vellez Activa pechaba o pasado venres o segundo dos seus obradoiros de adestramento da memoria deste ano. Foi nas campeiras ata onde se desprazou a primeira Tenente de Alcalde e deputada provincial Montserrat García para facer entrega dos diplomas aos 15 veciños e veciñas do barrio que tomaron parte, nestas semanas, neste taller.
A edil agradeceu o esforzo e participación da veciñanza e deu conta da intención de continuar con este programa de obradoiros que está a subvencionar, dende hai uns anos, a Deputación da Coruña, mediante o departamento municipal de Servizos Sociais.
Montserrat García tamén tomou nota das demandas dos veciños que solicitaron máis cursos deste tipo e de máis duración. Neste senso, a concelleira aclarou que a intención de vellez activa é levar estes talleres a todas as parroquias e asociacións polo que, para desenvolver tantos obradoiros, é preciso que teñan unha duración limitada e un número pequeno de participantes o que redundará nunha atención máis pormenorizada a cada alumno por parte da mestra.
Asemade, a concelleira deu conta dos beneficios deste tipo de iniciativas para a vida e as rutinas diarias, redundando nunha mellor calidade de vida e nunha maior autonomía dos asistentes que tamén lograron estreitar lazos cos seus veciños xa que, co gallo destas clases, tiñan unha excusa para compartir tempo e anécdotas con aqueles que viven no seu mesmo barrio.
Tan só queda un curso de memoria por clausurar, é o que se está a desenvolver na parroquia de Goente e no que están a participar unha vintena de veciños e veciñas maiores de 55 anos. Dentro duns días estes escolares recibirán tamén o seu diploma en recoñecemento á súa gran labor e traballo nestas xornadas nas que mediante sopas de letras, encrucillados e sinxelas técnicas e consellos lograron reactivar a súa actividade cerebral e, así, recuperar anos mozos nos seus respectivos cerebros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario