

• O inmoble foi cedido pola Xunta de Galicia e rehabilitado polo executivo local mediante unha inversión de 160.000 procedentes do FESL 2010
O Concello de As Pontes fixo onte oficial a cesión, á Asociación de Caza e Pesca A Venatoria, da antiga casa dos peóns camineiros emprazada na Casilla do Bañal, á altura do quilómetro 26,4 da AC101 entre As Pontes e Ortigueira.
O inmoble foi rehabilitado polo executivo local con cargo a plan FESL 2010 por un total de 158.149 euros, despois de que a Xunta de Galicia atendese á petición do goberno municipal para a súa cesión e rehabilitación co fin de empregar este edificio con fins sociais. .
De feito, os traballos de recuperación deste edificio, xa considerado ben de natureza patrimonial, consistiron no acondicionamento do exterior, eliminación das divisións internas e rehabilitación do interior incluíndo un segundo piso, cociña e aseos e un porche tamén recuperado que poderá servir como almacén para o material deste colectivo de caza e pesca.
Agora esta casa, de 162 metros cadrados con dúas alturas e cunha parcela de 808 metros cadrados, será utilizada polos colectivos de caza e pesca de As Pontes que xa disponen, deste xeito, dun espazo no que desenvolver as súas actividades.
O acordo asinábase onte na propia casa do Bañal onde se deron cita multitude de veciños e membros dos diferentes grupos da corporación municipal, comandados polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso.
En relación a este acordo, o primeiro edil subliñou a súa satisfacción por cumprir as demandas con este colectivo que conta agora cun novo local recuperado que tamén pasa a formar parte do importante patrimonio de As Pontes, tras máis de tres décadas de abandono. Neste senso, o alcalde quixo facer especial fincapé no traballo desenvolvido tanto pola directiva saínte coma pola entrante para poder levar este proxecto a bo porto.
No seu discurso, González Formoso anunciou que o seu obxectivo pasa por introducir máis melloras neste espazo, nun futuro, e por dotar dun local de reunións á sección de pesca da Venatoria no Hexágono da Fraga, co fin de facilitar o seu contacto coas augas do río Eume e as súas actividades a carón do mesmo.
Pola súa banda, dende a directiva da Venatoria, quixeron agradecer a implicación do goberno municipal no proxecto de recuperación deste local e fixeron un chamamento a todos os seus socios co fin de traballar por un proxecto común que una a todos os cazadores, ao igual que aconteceu co espírito que serviu para a fundación desta sociedade.
Outros edificios recuperados
É preciso lembrar que tamén se logrou a cesión hai uns meses dunha segunda casa dos peóns camineiros, ubicada no Aparral, concretamente na estrada C-641, entre As Pontes e Vilalba, e que está a ser rehabilitada polos alumnos e alumnas da Escola Taller Fontelimpa II.
O edificio, que conta cunha superficie de 134 metros cadrados está dividido en aseos, lareira, e sala de reunións, e, unha vez rematado será cedido ao colectivo veciñal de Santa María do Aparral que tampouco conta cun local no que desenvolver as súas actividades e xuntanzas.
Finalmente, estes días están a rematar os traballos de aconcionamento do exterior da escola unitaria de Ribadeume, obras tamén desenvolvidas polo alumnado de carpinteiría, albanelería e xardinería da escola Fontelimpa II.
No hay comentarios:
Publicar un comentario