As formacións locais O Catre e Que+Ten Teatro e os naroneses Bucanero Teatro protagonizan este sábado de homenaxe á interpretación en directo
O Concello de As Pontes, mediante a Concellería de Cultura, desenvolverá este sábado o programa O teatro vai á rúa, teatro para toda a familia, unha aposta con éxito asegurado dado o gusto da veciñanza pontesa por este tipo de actividades culturais.
As representacións comezarán ás 17.30 horas cun espectáculo de teatro infantil de pés a cargo da compañía local O Catre e a obra Os Contos. Unha representación que terá como escenario os xardíns do Campo da Feira.
Ás 19.30 horas, e diante da Casa do Concello a compañía naronesa Bucanero Teatro presentará a montaxe “Il Ritorno, Este non é o título”. Xosé Bonome, director da compañía local Quemaistén Teatro é á vez cofundador xunto con Pedro Picos de Bucanero Teatro.
Esta parella de cómicos, que non precisa máis nada que a súa presenza para facer rir ao público, comprométese a ofrecer humor e comedia elevados á súa última potencia mediante uns textos dinámicos, cancións e situacións extremadamente divertidas.
E unha hora máis tarde, ás 20.30 horas, Q+Ten Teatro volverá representar tamén diante da Casa do Concello Traballo e Imaxinación unha montaxe composta por sete pequenas comedias cun denominador común: o traballo. Traballadores estresados e desemprados que se toman a súa situación con humor e imaxinación darán vida a situacións do máis absurdas e cómicas.
José Luis Prieto e Gustavo Pernas son os autores destes sete textos, namentras que Ánxeles Gabeiras, Olga Chamosa, Xosé María Felpeto, Xosé Luis Fernández, Yolanda Lozano, Carmen Cabarcos, Xosé Fraga e María do Carme Landazuri darán vida aos distintos personaxes baixo a dirección de Xosé Bonome.
No caso de que chovese as tres representacións teatrais trasladaríanse á carpa do colexio Santa María.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario