

O mércores o piloto pontés Guillermo Cabarcos despegará dende O Forgoselo para levar unha proposta de irmandamento á urbe polaca
O Concello de As Pontes patrocinará a expedición en avión que, o vindeiro mércores, iniciará o piloto local Guillermo Cabarcos con destino á cidade polaca de Konin.
O obxectivo da viaxe é facer chegar a este municipio unha misiva en prol do irmandamento entre As Pontes e Konin, xa que, nesta localidade están a operar varias rotopalas procedentes do xacemento de lignito de As Pontes, entre elas Carmen, a rotopala que leva a nome da patroa de As Pontes e que, dende hai un tempo, continua a desenvolver o seu traballo en terras polacas.
De feito, con esta unión vencellada ao mundo da minería, o goberno pontés pretende lograr que os dous municipios establezan lazos de unión.
Guillermo Cabarcos, que conta xa cunha ampla traxectoria no mundo da aviación con viaxes a Brasil e diferentes países de Europa, empregará unha avioneta marca Kitfox, que conta con 16 – 19 horas de autonomía e que despegará este mércores, ás 20.00 horas, dende o Forgoselo.
Dende o executivo local animaron a toda a veciñanza a tomar parte nesta cita e a acudir á explanada ubicada trala escola da parroquia de Goente, no Forgoselo, pasado mañá para animar ao expedicionario pontés que afronta así, unha nova aventura, que o levará ata terras polacas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario