
O maxistrado-xuíz do Xulgado de menores número 1 de Granada, Emilio Calatayud visitará As Pontes esta fin de semana, atendendo así o chamamento do Departamento Municipal de Xuventude, que dirixe o concelleiro Jesús Tembrás.
O tamén escritor e avogado ofrecerá dúas conferencias, tanto para o público adolescente coma para o adulto, que terán como eixo central os dereitos e deberes dos menores, por un lado, e o cambio na educación nestas últimas décadas.
A iniciativa, que parte do departamento municipal de Xuventude, desenvolverase o venres e mailo sábado nas dependencias do auditorio municipal alovi ás 12 do mediodía.
Así as cousas, o afamado xuíz do xulgado de menores número 1 de Granada ofrecerá o venres 28 unha charla para os menores que levará por título "Debemos conocer también nuestros deberes, dirixida a alumnado de 3º e 4º de educación secundaria e bacharelato e que terá como eixo central non só os dereitos dos máis novos senón tamén os seus deberes, como o obedecer e respectar aos seus proxenitores namentras permanezan baixo a súa potestade.
Xa o día 29 Emilio Calatayud ofrecerá unha segunda conferencia aberta a pais, educadores, formadores e público en xeral e que levará por título La educación en España: de un extermo al opuesto. Na súa disertación, o experto analizará o cambio do sistema de educación dende a etapa preconstitucional á postconstitucional, unha gran transformación xa que do proxenitor autoritario pasouse a aquel que pretende ser amigo e colega dos menores, un cambio moi radical ao pasar dun extremo ao outro, sendo preciso poñer un límite claro e razoable aplicando o principio de autoridade para que cada un cumpra as súas funcións.
O maxistrado é coñecido polas súas peculiares resolucións xudiciais que deixan sentencias exemplares como que un delincuente informático imparta 1000 horas de clases de informática a estudantes, 100 horas de servizos comunitarios patrullando coa policía municipal por conducir sen permiso e de xeito temerario ou traballar co servizo de bombeiros por queimar contedores do lixo.
Asemade, ás súas costas Emilio Calatayud conta cun impresionante currículum que inclúe diversas publicacións e conferencias por diferentes puntos do país.
No hay comentarios:
Publicar un comentario