viernes, 19 de octubre de 2012

SERVIZOS SOCIAIS INCREMENTARÁ NUN TERZO AS HORAS DE ATENCIÓN DO SERVIZO DE AXUDA A DOMICILIO

O Concello de As Pontes incrementará nun 30% as horas adicadas ao Servizo de Axuda a Domicilio (SAD) a persoas con dependencia. Así o deu hoxe a coñecer o edil de Servizos Sociais, José Alén, que apuntou que o seu departamento incementará en 650 horas a atención mensual a persoas con dependencia, o que elevará das 1830 ás 2480 ás horas de servizo que se prestan ao abeiro deste programa e do que, actualmente se benefician, algo máis dun cento de veciños e veciñas de As Pontes. A medida suporá a incorporación ao SAD de máis veciños con problemas de dependencia e facilitará a ampliación do mesmo a aqueles usuarios que, ata o de agora, tan só se acollían á modalidade básica do SAD, de acceso libre. Deste xeito, dende o goberno pontés vólvese apostar polo traballo en prol do benestar social dos seus veciños e veciñas, incrementando un programa moi necesario, que permite a día de hoxe atender a máis dun cento de persoas afectadas pola falla de autonomía ou que viven soas e que non poden desenvolver sen axuda tarefas tan cotiás coma o seu aseo diario e as labores do fogar. Con este aumento de horas de servizo, segundo apuntou o concelleiro, será preciso incrementar tamén a cifra de persoal que atende o SAD, pasando dos 27 asistentes actuais a case 40 xa que está prevista a nova contratación de 8 ou 9 asistentes que, ademáis de axudar aos beneficiarios deste programa no seus que faceres diarios, tamén ofrecerán apoio psicolóxico, moi necesario por parte das persoas afectadas por algún tipo de dependencia. Por outra banda, e tamén nesta mesma liña, o máximo responsable municipal de Servizos Sociais anunciou que o vindeiro martes procederase á apertura do Centro de Día ubicado na rúa Sergio Rivera Chao, unhas instalación que, nun principio, ofrecerán 16 prazas das 30 das que disporán estas dependencias. O Centro de Día tamén contará cun servizo de transporte e, segundo as previsións baralladas polo departamento de Servizos Sociais, estas 16 prazas ocuparanse durante as vindeiras semanas. Finalmente, dende o executivo local tamén se ven de informar da apertura dun novo proceso para a adxudicación das 7 vivendas de protección oficial de promoción pública en réxime de alugueiro que quedaron vacantes e que están destinadas a menores de 35 anos e maiores de 65 anos. O sorteo realizarase na primeira quincena de novembro. Para obter máis información sobre este proceso poden achegarse ata o departamento municipal de Servizos Sociais ubicado no segundo andar da Casa Dopeso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario