viernes, 14 de diciembre de 2012

As Pontes Naturalmente premia as imaxes de Iria López, Nerea Martínez e Senén Cendán

A entrega de premios, que tivo lugar esta mañá, estivo presidida polo alcalde de As Pontes e os concelleiros de Atención Cidadá e Cultura. Iria López, Nerea Martínez e Senén Cendán proclamáronse hoxe gañadores do segundo certame fotográfico As Pontes Naturalmente, dirixido a ensalzar a riqueza histórica, natural e patrimonial de As Pontes. O concurso, organizado polo departamento de Servizos Sociais e Atención Cidadá, contou este ano cun total de 326 instantáneas entre as que o xurado se tivo que decidir para escoller as imaxes gañadoras e que mellor reflicten a gran riqueza paisaxística pontesa. Os premiados acudiron hoxe ao acto de entrega de premios que tivo lugar no salón de plenos da Casa Consistorial e que estivo presidido polo alcalde Valentín González Formoso; a concelleira de Cultura, Sara Ramos e o edil de Servizos Sociais e Participación Cidadá, José Alén; que salientou a importancia de poñer en valor o que “é noso”, un patrimonio do que se presume xa por fóra, en clara referencia á exposición Azul e Verde sobre Negro inaugurada onte en Madrid, e na que se recolle a evolución mediante fotografías da antiga mina ao lago de As Pontes. Asemade, Alén animou a potenciar o importante atractivo paisaxístico co que conta o municipio. Pola súa parte, o alcalde Valentín González Formoso alardeou da exquisita oferta dinamizadora da que dispón As Pontes, grazas en parte ao programa As Pontes Aprende. Do Concurso As Pontes Naturalmente o rexedor local valorou especialmente que transmite: a ollada dos nosos nenos e nenas. Así as cousas, no Premio Xeral o primeiro posto foi para a instantánea Portadego de Outrora de Iria López Romero, que se facía cun premio de 400 euros. En segundo lugar quedaba Elena Pérez coa súa foto titulada A Fraga que logrou un premio de 250 euros e como terceiro clasificado escolleuse a Alberto Gómez coa súa imaxe Lecer que recibiu un premio de 150 euros. Xa na categoría infantil primeira foi Nerea Martínez Corral, do Instituto Moncho Valcarce, que presentou unha foto titulada A Beleza da Fraga; segunda foi María Prieto do Colexio Monte Caxado coa súa imaxe Vertixe e terceira Candela Ares Maceiras, do Instituto Moncho Valcarce, coa fotografía Esgotamento dun amencer. Todas elas recibiron coma agasallo unha cámara fotográfica. Pechou o reparto de premios, Senén Cendán de Aspanaes coa súa foto sen título que recibiu o premio á categoría de educación especial, tamén dotado cunha cámara fotográfica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario