

• Esta reunión empresarial contou coa organización do departamento municipal de Promoción Industrial, mediante o IPPEC, e xurdía da man da asociación AJE Ferrolterra.
As Pontes, 14 de Marzo de 2013.-
O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Promoción Industrial e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), xunto coa asociación AJE Ferrolterra, celebrou hoxe o primeiro encontro de empresarios da comarca Networking, unha actividade do máis popular hoxe en día no campo empresarial xa que permite crear sinerxias e contactos entre empresas de diferentes índoles,nun tempo record.
De feito, algo máis dunha trintena de empresas tanto de As Pontes coma das comarcas de Ferrol, Ortegal e do Eume, todas elas representadas por menores de 40 anos, anotáronse nesta xornada celebrada no Centro de Dinamización Empresarial de Penapurreira e na que, durante dous minutos, cada participante presentaba o traballo que se realiza dende a súa marca.
Toda unha oportunidade de crear negocio e xerar contactos pero optimizando o tempo empregado xa que, mediante este método, unha vez rematado o día, cada unha das empresas convidadas conta con máis dunha trintena de novos contactos que, nun futuro, lle poderán servir de axuda ou que, incluso, é posible que demanden os seus servizos.
Así o apuntaba a edil de Promoción Industrial, Montserrat García, que se achegaba ata o Centro de Dinamización Empresarial de Penapurreira para compartir tempo con estes empresarios e empresarias de sectores tan diversos coma os seguros, a formación, o coidado medioambiental, o mundo das obras e da fontaneiría, as telecomunicacións ou as páxinas web.
Toda unha oportunidade, tal e como subliñou a concelleira, para dar a coñecer o que ofrecen as empresas locais e para respaldar a actividade industrial do noso municipio, falicitando o contacto entre empresas e emprendedores locais con outros emprensarios dos arredores.
E é que tal e como explicou García, mediante este networking, o que se busca é condensar nunha mañá un proceso que podería desenvolverse durante meses para obter un mesmo resultado.
Pero á marxe desta xornada de negocios, dende o departamento de Promoción Industrial do Concello de As Pontes, tamén se está a traballar noutras iniciativas en prol do empresariado local, a máis próxima será unha nova edición do certame As Pontes Emprende. De feito, tal como explicou Montserrat García, neste 2013 agárdase lograr un novo éxito de candidatos xa que a apertura de case 40 novos negocios na vila durante o pasado exercizo é signo de que a cultura emprendedora pontesa é unha opción de futuro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario