domingo, 14 de abril de 2013

O PONTÉS SANTI DEL MORAL PRESENTOU O SÁBADO O SEU PRIMEIRO LIBRO EN SOLITARIO INSTANTES DETIDOS

A profundidade da paisaxe, os sentimentos e sensacións máis íntimas que poden xurdir dun paseo pola costa ou polas nosas fragas e a beleza do que nos rodea, das cousas máis sinxelas coma o mar, os paxaros ou as flores protagonizan unha nova publicación literaria. Nesta ocasión, rubricada por un poeta da nosa vila e ben coñecido como é Santi del Moral que, o pasado venres, na Casa Dopeso, presentaba a súa primeira publicación en solitario: Instantes Detidos, na compaña dun cento de veciños e amigos, que non se quixeron perder esta posta de longo, entre eles os concelleiros de Cultura e Servizos Sociais e un nutrido grupo de membros do tecido asociativo local. Instantes Detidos está composto por medio cento de poemas, de versos e de rimas de todas as tesituras pero cun eixo común o ver esas pequenas cousas do noso entorno con outros ollos: os de santi del moral, todo un experto en trasmitir e contarnos dun xeito do máis especial todo o que o rodea. Así definía esta publicación o padriño desta publicación: Eduardo Estévez, que calificaba este poemario coma unha colección de pequenas pinturas feitas verbas, con música e con sentimento. Asemade, tamén arroupaba ao poeta pontés o propio editor de Biblos, editorial responsable de aglutinar esta colección de poemas, Tucho Calvo, que subliñou o importante papel desta publicación coma un xeito de mirar ao futuro pero lembrando todo o que había no pasado. Por suposto non podían faltar tamén a esta presentación os integrantes do grupo poético Alalá que tamén quixeron arroupar ao seu compañeiro. De feito, tanto Aníbal Ánxel coma Gloria David interviron nesta cita, o primeiro exercendo de mestre de ceremonias e a segunda dando lectura a uns versos do poeta brasileiro Ledo Ivo. A música tamén estivo presente da man da actuación de Manolo e Ana Seijo e as súas zanfonas, coas interpretaron un tema composto no Freixo como é Maruxa, do grupo Berce e coas Cantareiras de Alende que tamén agasaiaron ao público presente con varias pezas da cultura musical galega da altura do Alalá de Muxía ou Volvín á Terra. E como colofón o protagonista da xornada: Santi del Moral, que deu lectura a varios dos poemas incluídos en Instantes Detidos, unha obra que pretende ser, segundo o seu autor, unha fotografía pero con verbas da paisaxe e todo o que viviu, ata o momento o seu propio autor. E é que Instantes Detidos recolle catro puntos de vista do entorno e das experiencias vitais do seu propio autor que, mediante as súas rimas e versos busca facer chegar aos lectores esas sensacións vividas polo propio Santi del Moral. Pero aquí non queda a gran actividade dos poetas locais e é que, en breve verá a luz unha nova publicación protagonizada polos cinco integrantes do grupo Alalá, ao que se sumará, nunhas semanas, o primeiro traballo en solitario da poetisa Ofelia López, editado por Galebook, citas das que lles iremos mantendo debidamente informados, en vindeiros espazos informativos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario