viernes, 10 de mayo de 2013

A Biblioteca de As Pontes abre o luns Café con Libros, unha actividade que busca dar a coñecer os seus fondos bibliográficos

• A cafetería Marbella será a primeira en acoller estas citas mensuais abertas á participación de toda a veciñanza xiareira do mundo da literatura O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura e a Biblioteca Municipal, porá en marcha o vindeiro luns un novo programa de achegamento á lectura. Trátase de Café con libros, unha xuntanza que se desenvolverá mensualmente nunha cafetería do municipio pontés e que pretende dar a coñecer os fondos tanto bibliográficos coma audiovisuais cos que conta a Biblioteca de As Pontes. Así as cousas, o vindeiro día 13, ás 09.30 horas terá lugar a primeira sesión deste Café con Libros. Será na cafetería Marbella, ubicada na Avenida da Coruña, ata onde se desprazará a bibliotecaria municipal que será a encargada de dar a coñecer, e cun bo café de por medio, todas as novidades e tamén clásicos da literatura que podemos atopar na biblioteca municipal. Asemade, durante esta xuntanza tamén se dará lectura a diferentes textos, de distintas temáticas e que van dende a poesía do escritor local Santi del Moral ata fragmentos de obras de Roberto Vidal Bolaño, homenaxeado este ano con motivo do Día das Letras Galegas. A entrada será libre para a cidadanía que desexe tomar parte neste luns de saboroso café e boa literatura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario