jueves, 30 de mayo de 2013

O Concello de As Pontes e a Asociación Adiante celebran as XXII Xornadas sobre Alcolismo

• O sábado e mailo domingo as dependencias da Casa Dopeso albergarán diferentes charlas e poñencias de enfermos, expertos e autoridades na materia O Concello de As Pontes colaborará un ano máis coa celebración das Xornadas Sobre Alcolismo que, para esta fin de semana está a organizar a Asociación de Alcólicos Adiante. De feito esta entidade se atopa xa cos últimos detalles do que será a vixésimo segunda cita destas características que alberga o municipio pontés e na que participarán afectados por esta enfermidade, familiares e expertos na materia vidos dende todos os puntos de Galicia e Castela e León. Cumprirase así unha nova edición desta cita anual na que o problema do alcolismo e a súas nefastas consecuencias volven cobrar protagonismo co fin de actuar, mediante casos reais, para fomentar a prevención. A Casa Dopeso será, un ano máis, o punto neurálxico das actividades destas xornadas e nas que será posible escoitar as disertacións de psicólogos, enfermos e autoridades sobre esta problemática. Así as cousas, mañá farase entrega da documentación dende as 18.00 horas e xa o sábado e mailo domingo teremos o groso do programa ideado para esta convocatoria e que leva como lema: O alcol non soluciona os teus problemas, as asociacións de alcólicos rehabilitados si. O sábado ás 10.45 horas terá lugar a inauguración oficial destas xornadas coa intervención do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; o presidente de Adiante, Jesús Fernández e o presidente da Federación de Alcólicos Rehabilitados de Galicia, José Rufo. Posteriormente intervirá o xornalista, Xosé Cendán, que abordará o cómo reciben este tipo de xornadas a xente non vencellada con esta problemática. Tras dun descanso, ás 12.30 horas retomaranse as xornadas coa intervención da psicóloga de Adiante, Belén Pardo. E o domingo, ás 11.00 horas terán lugar as intervencións dos presentes: familiares e enfermos de alcolismo e ás 12.30 o psicólo Jesús Pol falará sobre o abuso do alcol na adolescencia. Xa a clausura, que terá lugar á 13.30 horas, correrá a cargo das autoridades locais e dos propios presidentes da asociación Adiante e da Federación Galega de Alcólicos Rehabilitados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario