miércoles, 24 de julio de 2013

A ROMARÍA DA FRAGA ARRINCA ESTA NOITE CUNHA NOVA EDICIÓN DO FESTIVAL FOLK

Conta atrás para vivir a que será a 109 edición da mítica Festa da Fraga, unha cita marcada non só en vermello por ser o patrón de Galicia senón tamén, de xeito aínda máis especial se cabe para ponteses e pontesas que, cada 25 de xullo, queren desfrutar da derradeira xornada das festas patronais da súa vila. E é que co mítico escenario da fraga de Dona Rita, coas augas do Eume a piques de ser invadidas por centos de romeiros e coa sensación no ambiente de que é día de festa, xentes non só do municipio senón tamén doutros concellos e ata doutras comunidades se dan cita nesta celebración declarada de interese turístico. Dende hai uns días, o barrio da Fraga xa está a ser testemuño dos traballos dos diferentes grupos de amigos e familias que están a levantar cadansúa cabana para, esta mesma noite, dar inicio a uns festexos que poucos se queren perder e que, ano tras ano, converten a As Pontes na capital galega da festa do 25 de xullo, unha festa que xa arrincará esta noite co tradicional festival folk e que, este ano, incluirá a visita dos ourensáns Guezos, da gran Mercedes Peón, do grupo Quempallou e da formación folk - punk Bastards On Parade. Case 200 números se repartiron xa da man da Policía Local para as diferentes cabanas que poboarán a fraga durante as vindeiras horas e nas que mañá se vivirá a xornada máis especial do ano cun programa no que haberá sobre todo música. Nembargantes, o 25 de xullo dará comezo da man dunha misa en honra a Santiago Apostol, ás 13.00 horas na Capela do Carme para continuar, xa na Fraga, coa tradicional sesión vermú, programada para as 13.30 horas e que contará, por segundo ano consecutivo, coa actuación da orquestra Cinema. Tralo xantar nas diferentes cabanas e o tradicional paso polas augas do Eume para atallar as calores do verán tocará botar uns bailes coa Charanga os Ponteses e co grupo de percusión Combe Capelle que virán dende Valencia para compartir esta mítica festa cos ponteses e pontesas. Xa ás 20.30 horas dará comezo o concerto da mítica banda Los Suaves que aproveitarán a súa visita a As Pontes para grabar o seu novo disco en directo e como fin de festa unha nova verbena a cargo da formación Cinema e que pechará uns novos festexos patronais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario