viernes, 26 de julio de 2013

FOLK ELECTRÓNICO E PUNK E RITMOS TRADICIONAIS PROTAGONIZAN O FESTIVAL FOLK DA FRAGA

A noite do 24 de xullo arrincaba como era de agardar, con centos de romeiros de cea nas súas respectivas cabanas e con moitas ganas de desfrutar dunha longa noite de festa na fraga de Dona Rita. Por suposto a música ía ser a gran estrela da noite co xa máis que popular Festival folk e que, para este 2013, tiña catro nomes integramente galegos.Coa caída da noite, a formación Guezos daba conta dos primeiros compases da súa actuación. Con non moito público pero iso sí con moitas ganas de romper o xeo e animar a Fraga, o grupo pop folk ourensán daba conta dun repertorio no que mesturou os temas do seu último traballo discográfico, O Histérico Latexo, con pezas compostas ao longo dos seus 14 anos de vida. De feito, as súas composicións con tintes de denuncia social foron o piar básico da súa actuación onde coa voz de Anxo e o acompañamento musical de Adríán, David, Roberto, Fran, Xabier e Nes se puxo ritmo á noite con pezas adicadas ao conflicto no Sáhara ou ás diferentes situacións de inxustiza social que se están a vivir día a día. Como segunda actuación da noite, tocaba escoitar a unha das grandes voces da música galega: Mercedes Peón, que presentaba en As Pontes a súa nova imaxe musical, cun directo no que os sons de instrumentos tan tradicionais coma a gaita ou as ferreñas das pandeiretas se mesturaba cos sons electrónicos. As pezas incluídas na súa publicación Sós, na que a música electrónica comparte protagonismo cos sons máis típicos de Galicia foron as que se encargaron de encher de ritmo a noite pontesa pero iso sí tamén con gran compoñente de denuncia social, xa que non faltaron referenzas ao feminismo, á situación das minorías ou á desigualdade social. E tralo folclorismo electrónico de Mercedes Peón tocaba regresar a xa sons máis habituais coma os de Quempallou, que traía ata as Pontes Vellas Novas, a cuarta publicación da banda que lideran as voces de Eski e Guillerme e que deron conta dun repertorio no que houbo xotas, foliadas e ata rumbas, con pezas coma Na Habana, Dame Lume Clara, Arrolo da Estre ou o Trestevallo de Murias.A retranca e humor das súas letras foron o eixo central dunha actuación que logrou un gran respaldo e moitos aplausos do público pontés. E como fin de festa tocaba pasar da música tradicional ao resultado de combinar as guitarras punks máis duras coas gaitas, da man dos coruñeses Bastards on Parade que, dende 2007, levan a súa particular visión de unir as súas raíces celtas co punk rock. Tamén este estilo tan curioso aterraba na Fraga para pechar con moito ritmo este Festival Folk 2013, e semella que a experiencia gustou aos presentes que bailaron ao son de Shallow Waters, unha moi particular muiñeira de Pastoriza e de temas en inglés coma Time to go out ou Old man´s booze. E cos mellores punteos de guitarra de toda a provincia remataba este festival que, malia estar moi marcado polo que estivo a acontecer en santiago de Compostela nas últimas horas lograba o seu obxectivo: o desfrute dos romeiros que viviron o 24 de xullo entre os aloumiños e sons da fraga de Dona Rita.

No hay comentarios:

Publicar un comentario