.jpg)


Se houbo unha gran protagonista destes días, á marxe das citas relixiosas, esa foi a música e é que poucos foron os recunchos da nosa vila polos que non soaron as gaitas, a música máis dura ou os sons máis populares destas datas do verán.
Pasarrúas, concertos de rock ou música popular galega, ritmos vidos do outro lado do Atlántico pero sobre todo os sons tradicionais das verbenas foron o eixo central da programación deseñada pola Comisión de Festas 2013 para que todos os ponteses e pontesas desfrutasemos destes días de diversión e ocio.
E é que, dende o venres e ata onte a noite, na nosa vila, se deron cita varias das mellores orquestras do panorama galego actual e cunha combinación explosiva de espectáculo visual e sobre todo auditivo.
Voces coma as de Lucía Durán, Arturo Sabugueiro, Christian Meia, José Antonio Blas, Mar Robaina ou Peke Moreira pasaron pola praza da Capela do Carme da man de formacións coma a Sintonía de Vigo, Filadelfia, Charleston Big Band ou París de Noia.
Os encargados de abrir o programa de verbenas foron a gran Sintonía de Vigo que, dende mediados do século pasado, amenizan as festas máis populares de Galicia con Arturo Sabugueiro coma referenza e a gran Lucía Durán. Un repertorio integrado por merengues, pasodobles e moitas rancheiras do máis coñecidas fixeron a delicia daqueles e daquelas que se decidiron a participar nesta primeira verbena.
A mítica formación pontevedresa compartía noite coa Costa Oeste que ofrecía un repertorio do máis variopinto que arrincaba co Aquí estoy yo de Luis Fonsi e que se mesturou con sambas, pasodobles coma o Doce Cascabeles de Joselito, temas de Marc Anthony e ata a recente gañadora de eurovisión Only Teardrops. Todo isto nas voces de Sonia, Marta, Juan Carlos e Javier.
E para o sábado repetíase o gran cartel de actuacións que ateigaba de veciños e veciñas de todas as idades a Praza da Capela do Carme cun show que arrincaba coa orquestra Filadelfia, que repetía estadía en As Pontes tras amenizar hai algo máis dun mes a primeira festa do lago.
Novamente, coas voces de María e Sanela xunto con Elier a praza do Carme enchíase de temas do verán de Olga Tañón e pezas xa máis clásicas coma os merengues de Juan Luis Guerra.
Pero se algo caracterizou a noite do sábado foron os ritmos caribeños do Combo Dominicano que, dende a súa formación nos anos 90 en plenas Illas Canarias, percorren toda a península coas súas rumbas, bachatas e salsas. As Pontes non foi unha excepción e o sábado traían o auténtico son do Caribe a terras pontesas.
Xa o domingo á noite aterraba na Praza do Carme a París de Noia, unha formación necesaria en calquera festa patronal que se precie polo seu espectáculo, variedade musical e sobre todo pola alegría e diversión que encabeza o seu eterno vogalista: José Antonio Blas.
Con él, Gema, Fátima, Cristian ou Sergio e un repertorio no que non faltaron temas coma Te pintaron pajaritos, angelito sin alas ou éxitos internacionais coma Don´t you worry child ou o This is love de Will I.AM e ata cancións de Beyoncé, Marc Anthony ou Michel Teló.
E ao seu carón outra formación máis clásica coma a Gran Parada que presentou en As Pontes o seu espectáculo deste verán coas voces de Lourdes, Mónica, Pedro e Edgar e nas que as coplas máis bailables para uns se mesturaban con baladas como Tengo ganas de ti .
Éxitosa verbena o domingo e tamén o luns porque o cartel así o merecía e é que por un lado, na praza do Carme tiñamos á gran Olympus e ao seu carón á Charleston Big Band. Os primeiros trouxeron ata a nosa vila o seu novo espectáculo: Burlesque, ambientado no mundo do Cabaret e coas tradicionais performances típicas de Dani e Peke, e as espléndidas voces de Mar e Mayte.
Amenizando esta última noite de festa, chegaban tamén os integrantes da Charleston Big Band, unha formación que tamén se está a converter nunha habitual das nosas noites de verán, con David, Rita, Ruth ou Fran interpretando non só as pezas que máis coñecidas son do seu repertorio coma o Adios Ríos Adiós Fontes, de Rosalía de Castro, senón tamén outro tipo de temas de sempre como Yo no te pido la luna, Colegiala ou ata Carusso
Pero á marxe de botar uns bailes coa chegada da noite, tamén nestes días tivemos a oportunidade de desfrutar da boa música ao mediodía, coas dúas sesións vermú que para este 2013 decidía poñer en marcha a comisión de festas e, por riba, con marca pontesa. E é que o Dúo Suso e mailo Dúo Aplauso se encargaron de encher de música os mediodías do domingo e mailo luns, diante da casa consistorial, ata onde moitos tamén se achegaron para botar uns pasodobres, algunha que outra cumbia por suposto os tan agradecidos merengues.
Agora toca descansar un par de días para repoñer forzas e volver, xa o xoves, a seguir bailando pero, desta vez coa fraga de Dona Rita como escenario.
No hay comentarios:
Publicar un comentario