
A praia de As Pontes está a piques de celebrar o seu primeiro aniversario de apertura ao público e data tan relevante non podía pasar desapercibida. De ahí que dende o Concello de As Pontes, coa dirección do departamento municipal de Cultura, se apostase por organizar unha festa por todo o alto para esta mesma fin de semana.
E é que, dende hai un ano, o areal pontés é todo un atractivo turístico non só para que os veciños e veciñas de As Pontes desfruten das súas augas, senón tamén para visitantes doutros concellos e ata comunidades autónomas e iso é motivo máis que de celebración para unha aposta turística que se está a converter en todo un éxito.
De feito, tal día coma hoxe pero de 2012 moitos ponteses e pontesas se achegaban ata a praia do lago para meter, por primeira vez, os seus pés nas súas augas e desfrutar da festa de apertura deste atractivo espazo natural.
De seguro que tamén esta fin de semana, moitos e moitas desfrutarán tanto das augas do Eume, do Carracedo ou do Meidelo e do programa musical que servirá para conmemorar esta data.
Pasado mañá teremos a primeira das actuacións deste aniversario, co concerto na praia do grupo homenaxe a Dire Straits Brothers in Band. A formación coruñesa traerá ata As Pontes os ritmos e pezas máis coñecidas da banda que lideraba Mark Knopler nun concerto gratuíto que arrincará ás 22.00 horas.
E o sábado tamén haberá música pero cunha mestura de diferentes xéneros que van dende a música disco ata os sons máis punk, os ritmos galegos ou incluso a música ska.
Ás 21.00 horas arrincará este peculiar concerto que se abrirá coa actuación da Magnifique Band dos Homes Sen Medo que, dende a súa fundación no 2007, percorren as cidades galegas mesturando estilos tan dispares coma o jazz, o dixie, o rock ou o funky. Todo isto aderezado con humor , coreografías disparatadas e logrando a participación do público enc ada unha das súas actuacións.
Posteriormente, subirán ao escenario os ponteses Bourbon Queen que levarán aos presentes aos sons dos anos 70 nunha actuación na que o blues e o rock duro desta década serán os protagonistas.
E de As Pontes a Barcelona porque tamén teremos na festa do lago ao grupo catalán Txarango que dará conta do bo resultado da fusión da música latina, o pop e o funk no areal pontés.
Tamén estarán en As Pontes os máximos representantes do gastropunk galego, Terbutalina, que dende Catoira virán á nosa vila a presentar os divertidos temas e letras que incluen en traballos coma Live in Catoria, Ritmo Serbio ou Hostias para todos.
E como fin de festa toca escoitar os ritmos máis discotequeiros e populares deste verán da man do dj xixonés Pimp que mesturará esas cancións que máis se escoitan en todas as discotecas con sons coma o hip hop, o jazz, o electro e ata o rock.
Así se pechará a noite do sábado que, de seguro, será toda un festa tal e como se merece unha data tan sinalada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario