lunes, 26 de agosto de 2013

Música punk, rock e tradicional déronse cita no primeiro aniversario da praia de As Pontes

A praia do lago non podía desexar mellor primeiro aniversario e é que a música, a festa, a diversión e ata os fogos de artificio congregáronse no areal pontés durante a fin de semana cun único fin: lograr que o primeiro ano deste areal non pasase desapercibido. Semella que o obxectivo do departamento municipal de Cultura, organizador do evento, estivo máis que logrado con dúas noites de algarabía que lograron reunir a un gran grupo de veciños e veciñas tanto de As Pontes coma de concellos da contorna que non quixeron deixar pasar esta festa. E é que as noites do venres e o sábado tocaba conmemorar por todo o algo este especial aniversario que arrincaba con atraccións gratuítas para pequenos e maiores e o posterior concerto da banda coruñesa Brothers In Band, un recital quecontou, nos seus primeiros minutos, co orballo da noite aínda que, finalmente, a chuvia respetaba este concerto e aos poucos minutos do seu inicio escampaba. Ducias de veciños e veciñas desfrutaron coa homenaxe do grupo que lidera Oscar Rosende aos míticos Dire Straits, con temas coma Money for Nothing, Sultans of Swing, Brothers in Arms ou Walk of Life nun concerto que pretendía servir coma homenaxe á xira On the night e na que a banda que lideraba Mark Knopler se despedía dos escenarios en 1992. O saxo de José Rodríguez, as guitarras e baixos de Antonio Abad, Pablo Gisbert e Fernando Abenza, a batería de Miguel Queixas, os teclados de José Vila e Iago Mouriño e a percusión de Rubén Montes fixeron as delicias do público presente que desafiou á xélida noite do venres para volver desfrutar deste grupo que suma xa cinco actuacións na nosa vila dende o inicio da súa carreira. Xa o sábado o programa de actividades ampliábase considerablemente con ata cinco actuacións nas que se mesturaron o punk, o rock, o ska, os ritmos tradicionais e a música electrónica a partes iguais nun macroconcerto que arrincanba coa charanga Vai Rañala Meu e coas súas versións de temas tan coñecidos coma O Caneco. E do entorno do lago ao escenario que se habilitaba neste espazo onde actuaron os ponteses Bourbon Queen que, repetía concerto e tamén localización, xa que, semanas antes o grupo pontés xa experimentaba o que era actuar neste areal coa súa colaboración no II Pantín Xtreme de Kayaksurf e Waveski. Música rock e blues propia dos 70 integraron novamente o repertorio desta formación local. Tamén tivemos presenza de fóra de Galicia neste primeiro aniversario do lago e cun grupo que foi todo un descubrimento como son Txarango que aterraban en terras pontesas dende Barcelona para presentar o seu último traballo:Benvinguts al llarg viatge e no que volvían dar conta dos sons que tanto éxito reportaron a este grupo que tan só conta con tres anos de vida, sobre os escenarios. O pop e a música latina xunto cos compases máis divertidos e festeiros tomaron o escenario da praia e tamén as almas do público presente que vibrou ao son e retrousos desta banda catalana. Pero neste espectáculo non podían faltar os fogos de artificio que, de madrugada, alumeaban o ceo da praia do lago nun espectáculo pirotécnico ao son das inconfundibles Tubular Bells de Mike Oldfield. E tras deste parón regresaba a música ao escenario da praia coma música vida dende Catoira do grupo de gastropunk Terbutalina. Sons duros e divertidos con letras ateigadas de humor e guitarras do máis punteiras fixeron que a reanudación da Festa do lago fose todo un éxito. Como fin de festa, contouse coa participación do dj asturiano Pimp que se encargaba de protagonizar unha sesión musical na que mesturaba o hip hop, o funk, o jazz e ata os sons máis electrónicos nun concerto que serviu para despedir este primeiro aniversario da praia do lago e que tan só se pode resumir cunha verba: éxito.

No hay comentarios:

Publicar un comentario