lunes, 9 de junio de 2014

Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller porán en marcha unha nova edición dos seus campamentos de verán para conciliar vida laboral e familiar

O departamento municipal de Servizos Sociais ven de abrir o prazo para inscribirse nunha nova edición dos campamentos urbanos de verán, unha iniciativa lúdico-educativa que porá en marcha a súa andaina o vindeiro día 23 en catro quendas ata o inicio dun novo curso escolar, no mes de setembro. Así as cousas, un verán máis dende a concellería que dirixe José Alén e coa colaboura do Centro de Información á Muller, reabriranse uns campamentos que buscan a conciliación da vida laboral e familiar de pais e nais que deben traballar durante os meses de verán e que precisan dalgún tipo de axuda para o coidado e atención dos seus pequenos e pequenas, pero sen descoidar a súa diversión e educación. Ata o xoves da vindeira semana será posible formalizar a pertinente inscrición para as catro quendas que se ofertarán este ano do 23 ao 30 deste mes, no mes de xullo, no de agosto e dende o un de setembro e ata que arrinque un novo curso escolar. Ofertaranse 65 prazas para pequenos de entre 4 e 12 anos para cada mes ao que se sumarán outras cinco prazas a maiores para nenos e nenas con necesidades educativas especiais. Coma sempre será o colexio da magdalena o escenario das diferentes actividades de cada xornada e que poderán arrincar ás 8.00 cun servizo especial para pais e nais que acrediten esta necesidade ou ben ás 10.00, sendo a hora de saída a mesma: ás 14.30, para ámbalas dúas opcións. No tocante ás actividades, coma cada ano, desenvolveranse xogos de animación, manualidades, actividades deportivas e saídas culturais. Con respecto ao prezo de cada mes, a cota de inscrición ascende a 40 euros para cada unha das quendas deste ano. Para inscribirse é preciso achegarse ata o departamento municipal de Servizos Sociais, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso e alí facer entrega da fotocopia do Libro de Familia, os certificados da empresa de conforme se traballará nos meses de verán ou de estar a asistir a algunha actividade formativa; declaración xurada de estar a traballar no servizos domestico ou de coidado dunha persoa dependente; informes de saúde e informes de servizos sociais que acrediten a situación de dependencia dalgún familiar; documentación toda ela que se terá en conta no caso de existir unha demanda superior ao número de prazas ofertadas. Para obter máis información ou ben para aclarar calquer tipo de dúbida, dende servizos sociais contan cun número de télefono para a atención da veciñanza interesada neste programa: o 981 44 10 08.

No hay comentarios:

Publicar un comentario