viernes, 18 de julio de 2014

As Pontes rende homenaxe ao sector do pequeño comercio cun pregón protagonizado por varios dos comerciantes máis senlleiros do municipio

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, subliñou agradeceu na súa intervención o corazón, entrega e traballo deste sector tanto nos bos coma nos malos momentos O Concello de As Pontes abriu esta tarde, de xeito oficial, as súas celebracións patronais co tradicional pregón e que, para esta ocasión, contou cuns protagonistas de auténtico luxo: varios dos comerciantes de maior antigüidade do municipio. Así, na Casa Dopeso, por mor do mal tempo, tivo lugar este acto no que foi posible escoitar as verbas dos comerciantes Nicolás Vázquez (Radio Éter), Antonio Lorenzo (Ferpu), Manuel Filgueiras (La Estrella), Mercedes Fernández e Tonete Vigo (Ferraxería Mourela), Digna Ramil (Ramil Moda), Teresa Carballeira (Xoiaría Carballeira), Marga Formoso (Candelaria) e Luis González (Supermercados Mourela) ás que se sumaron tamén, mediante a súa presenza, outros comerciantes do municipio, dirixentes durante moitos anos dalgúns dos comercios máis senlleiros de As Pontes coma Moda Vilaboy e Ferraxería Marcos. Neste pregón colectivo, o que máis se escoitaron foron verbas de agradecemento por parte dos seus protagonistas, homes e mulleres que, durante décadas, estiveron á fronte de diferentes establecementos polos que, de seguro, e en máis dunha ocasión, pasaron todos os veciños e veciñas de As Pontes. De feito, ademáis de rememorar os inicios de cada un destes negocios, todos os pregoeiros tiveron verbas de agradecementos aos seus clientes e ao pobo de As Pontes, sen os que non sería posible a continuidade, durante tantos anos, dos seus negocios. Tamén tomaba parte neste acto, como non podía ser doutro xeito, o alcalde de As Pontes. Valentín González Formoso apuntaba, no seu discurso, á gran relevancia do sector do comercio de proximidade como motor de pasado, presente e futuro da vila de As Pontes; un sector que está ahí tanto nos bos coma nos malos momentos. O primeiro edil tamén facía referenza ao comercio do rural, aquelas tendas que agora xa non están pero que, décadas atrás, tiveron o seu gran papel socializador, a súa aportación á sociedade e que tamén foron testemuños da vida de moitos ponteses e pontesas. González Formoso finalizou a súa intervención agradecendo a todos eses comerciantes que, no seu día puxeron o seu corazón e traballo no seu negocio e que souberon transmitir esta paixón e esforzo aos seus descendentes e que, a día de hoxe, son os encargados de levar estes negocios coa mesma entrega que as súas xeracións anteriores. O acto pechouse cun reparto de agasallos aos pregoeiros e pregoeiras: unha figura dunha caixa rexistradora, e tamén coa actuación da Tuna da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, que interpretou temas coma A Rianxeira, Clavelitos ou La Perla e que recibiu os aplausos de multitude de veciños e veciñas de As Pontes, membros de todos os grupos da Corporación Municipal e integrantes do tecido asociativo local, que non se quixeron perder esta cita e, entre os que tamén se atopaban integrantes da Corporación Municipal, os membros da Comisión de Festas 2014 e por suposto unha gran representación do tecido asociativo local.

No hay comentarios:

Publicar un comentario