jueves, 17 de julio de 2014

Catro pequenos saharauis pasarán o verán en As Pontes ao abeiro do programa Vacacións en Paz

O Concello de As Pontes volvía onte recibir, un verán máis, e pola porta grande aos pequenos e pequenas que, durante estes meses, se converterán nuns ponteses máis grazas ao programa de acollida Vacacións en Paz. Nesta ocasión, a traverso da concellería de Servizos Sociais, logrouse traer a catro pequenos e pequenas procedentes dos campamentos de refuxiados de Tinduf, no Sáhara, ao abeiro deste xa clásico programa posto en marcha pola Asociación de Solidaridade co Pobo Saharaui. Tres deles repiten como é o caso de Suadu, Siragme e Xegalí que o ano pasado xa tiveron a oportunidade de convivir con outras tantas familias pontesas, namentras que Mohamed visita por primeira vez As Pontes e, asemade, cunha nova familia que tamén por primeira vez, decide participar neste programa de acollida. O edil de Servizos Sociais, José Alén, xunto coa asistente social Celia Freire foron os encargados de presidir a tradicional recepción a nenos e familias no salón de plenos da casa do concello, ocasión que o concelleiro aproveitaba para agradecer unha vez máis a colaboura das familias pontesas neste programa, familias sen as que Vacacións en Paz non sería posible. Asemade, Alén tamén desexaba a estes catro pequenos unha feliz estadía en As Pontes e os animaba a tomar parte nas múltiples actividades que, ao longo destes días, se van desenvolver na nosa vila, e facía entrega aos pequenos e pequenas duns agasallos en nome do concello de as pontes. Nestes dous meses lonxe dos campamentos de refuxiados de Tinduf, as familias que de forma altruísta se acollen a esta iniciativa solidaria ofreceranlle aos nenos e nenas actividades de ocio, e a posibilidade de relacionarse con nenos da súa misma idade, ao que se suma tamén a posibilidade de mellorar o seu coñecemento do castelán. Vacacións en Paz segue mantendo os seus obxectivos de ofrecerlles a estes nenos e nenas un verán tranquilo, alonxados das condicións da zona desértica na que viven e que na época estival endurécense aídna máis. Asemade, nos vindeiros días estes pequenos e pequenas pasarán un recoñecemento médico que permitirá detectar calquer tipo de doenza ou problema médico e atallalo o antes posible ao que se sumarán actividades máis agradables para estes nenos coma as visitas á piscina municipal, as xornadas de convivencia en programas coma os campamentos urbanos ou as excursións e múltiples citas organizadas a nivel autonómico ao abeiro da propia Asociación de Solidariedade Galega co pobo saharaui.

No hay comentarios:

Publicar un comentario