martes, 22 de julio de 2014

Teatro, música, hinchables e contacontos protagonizaron unha nova edición de Parque@ctivo

Parque@ctivo despediuse por todo o alto na tarde de onte, cunha grande festa infantil auspicida pola Concellería de Cultura do Concello de As Pontes. Nos xardíns do Campo da Feira había inchables de todos os tamaños e para todas as idades, con ou sen auga. Unha festa que se prolongou durante toda a tarde e que pechou co tradicional baño de escuma. O domingo tiñamos nos Xardíns do Campo da Feira unha nova actividade familiar, un espectáculo dinámico e interactivo co clown Rudi Dudi como protagonista, que desta vez trouxo a As Pontes a montaxe Clowntamination. O sábado á tarde a Biblioteca Municipal volvía acoller un espectáculo pensado para os máis pequenos da casa, neste caso para os bebés, os cantacontos de Pablo Díaz. Unha auténtica festa da que desfrutaron grandes e maiores a partes iguais, con contos e cancións cheos de ledicia e ilusión. Piratas é un dos temas que inclúe o novo libro-disco de Pablo Díaz Toc Toc, un traballo no que só teñen cabida valores como o compañeirismo, a amizade, a importancia de coidar o medioambiente, ou a protección dos animais, e que pretende achegar a música e a poesía aos máis pequenos da casa. E inmediatamente despois desta actuación tomaba o relevo Çe Orquestra Pantasma, un home orquestra, capaz de facer soar ata cinco instrumentos distintos ao mesmo tempo acordeón, armónica, pandeireta nas pernas e bombo, caixa e platillos no lombo. Cé orquestra pantasma preséntase como un proxecto musical unipersoal e versátil, cun repertorio amplo e variado, que inclúe temas tradicionais como A Carolina ou o paraugas do Ghosé. E na tarde do venres, tamén na Biblioteca Municipal o músico e letrista Magín Blanco presentou ante nenos e adultos historias e viaxes dun intrépido músico con Libros Encantados. A nena e o grilo ou María Fumaça foron algunhas das cancións infantís interpretadas. Agora, os nenos e nenas poderán seguir disfrutando das últimas xornadas de Mundoxogo, no pavillón do Colexio Monte Caxado. O horario de apertura é de dez e media da mañá a unha e media da tarde, e de cinco a oito.

No hay comentarios:

Publicar un comentario