viernes, 19 de septiembre de 2014

O restaurador pontevedrés Yayo Daporta inaugurará o VI Certame de Tapas Saborea As Pontes que abre hoxe o seu prazo de inscrición

O cociñeiro Yayo Daporta, un dos restaurados máis novos en lograr unha Estrela Michelín, e actual xurado do programa Top Chef será o encargado de inaugurar a sesta edición do certame de tapas Saborea As Pontes. O restaurador cambadés visitará a nosa vila o vindeiro 10 de outubro, para tomar parte na inauguración oficial deste certame gastronómico, e que xa ten hora e lugar: as seis da tarde no salón de actos da casa dopeso. Alí a nova estrela televisiva dos fogóns valorará as diferentes tapas presentadas a concurso e emitirá o seu propio voto, que non se dará a coñecer ata a xornada de clausura deste concurso gastronómico: o 24 de outubro ás 19.00 horas e no salón de plenos da Casa do Concello. No tocante ás bases deste certame gastronómico, as mesmas xa se podían consultar dende esta mañá e é que tamén hoxe se abría o prazo de inscrición de participantes, prazo que se manterá ata as 13.00 horas do vindeiro día 26. Os mesóns, cafeterías, bares e restaurantes interesados en sumarse a este concurso tan só deben pasar polo rexistro xeral do concello e alí cubrir o pertinente formulario, facendo tamén entrega en formato dixital dunha fotografía da tapa en cuestión e do local participante, para incluír no libro que este ano tamén editará o concello con motivo deste concurso. A inscrición será gratuíta. No tocante ás bases para o certame deste ano, dende a concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio e o Instituto Pontés de Promoción Económica, intentaron seguir na liña de certames anteriores. Así, o concurso desenvolverase entre os días 10 e 19 de outubro e horario de reparto de tapas quedou entre as 12.00 e as 13.00 horas e das 19.30 e as 22.30, agás na xornada do 10 de outubro, que tan só se servirán as tapas durante a tarde. Cada tapa terá un custo dun euro e os clientes volverán contar cunha cartilla que deberán cubrir con 8 selos doutros tantos locais participantes e na que poderán dar o seu voto á súa tapa favorita. Asemade, esta cartilla servirá para participar no sorteo final dun televisor, sorteo que terá lugar o 21 de outubro ante as cámaras desta casa e coa presenza da secretaria do concello, Marina Núñez. Coma cada ano darase un premio á tapa máis votada polo público, outro galardón á mellor tapa segundo o xurado e, finalmente, un terceiro recoñemento á mellor tapa segundo o xuízo do cociñeiro Yayo Daporta. Asemade, o local que logre o maior respaldo do público tamén terá un segundo agasallo: unha visita ás bodegas Traslascuestas, en Burgos. Os establecementos participantes deberán anotarse ata as13.00 horas no Rexistro do Concello de luns a sábado, en horario de mañá, ata o venres da vindeira semana. Xa o 9 de outubro, un representante de cada local deberá recoller no salón de plenos do concello as furnas, carteis e demais material necesario para o concurso e o día 20 de outubro deberán facer entrega das furnas cos votos rexistrados en cada local participante, tamén no salón de plenos da Casa Consistorial e entre as 13.00 e as 15.00 horas, para que os votos sexan válidos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario