domingo, 26 de octubre de 2014

Unha saída micolóxica e un obradoiro de cociña sobre cogumelos abrirán o venres a programación da XXV Feira de Fungos e Cogumelos de As Pontes

¨ Trala gran acollida o pasado ano, o departamento de Cultura decidiu reeditar estas dúas propostas dirixidas ao fomento da afección pola micoloxía O Concello de As Pontes, a traverso do departamento municipal de Cultura, incluirá por segundo ano consecutivo unha saída micolóxica no programa de actividades da XXV edición da Feria de Fungos e Cogumelos do municipio. Así, o vindeiro venres 31, ás 08.30 horas, os micólogos José Luís Cuba Crespo e Antonio Díaz Calvo, encabezarán unha excursión polos montes da contorna coa fin de localizar e recoller diferentes especímenes de fungos e cogumelos para, posteriormente, identificalos e dar a coñecer as súas características a todos aqueles veciños que decidan sumarse a esta saída e na que tamén se contará coa inestimable axuda do Clube de Montaña O Caxado. Dende a concellería que dirixe Sara Ramos decidíase, xa o pasado ano, poñer en marcha este tipo de actividades, atendendo ás demandas dos propios veciños e xa a resposta en 2013 non puido ser mellor cunha trintena de participantes. Para esta segunda edición agárdase incrementar a cifra de participantes aínda que as prazas serán limitadas polo que será necesario anotarse ata o vindeiro día 29, nas dependencias do departamento de Cultura (Casa Dopeso) ou ben telefonando ao 981 44 03 44 e aboar 5 euros en concepto de transporte. A mesma tarde do venres 31 terá lugar, dende as 17.00 horas, na sala de exposicións do Mercado Vello a identificación e clasificación dos diferentes fungos recollidos durante a mañá, aínda que os presentes tamén poderán aproveitar para solventar calquer tipo de dúbida sobre os exemplares recollidos. Para rematar a xornada, ás 17.30 horas, e xa nas dependencias do Mercado Municipal, terá lugar un obradoiro de cociña no que tamén os expertos Díaz e Cuba realizarán varios pratos con fungos e cogumelos e abordarán temas tan interesantes coma a súa conservación, limpeza ou preparación. Os interesados en obter máis información sobre estas dúas actividades poderán achegarse ata o departamento de Cultura, no segundo andar da Casa Dopeso, telefonar ao 981 44 03 44 ou ben acceder á web municipal www.aspontes.com.

No hay comentarios:

Publicar un comentario