jueves, 20 de noviembre de 2014

O programa Vellez Activa inicia unha nova edición con dous obradoiros de risoterapia nos colectivos Lembranza da Vila e Viuvas María Magdalena

O departamento municipal de Servizos Sociais puxo onte en marcha unha nova edición do programa Vellez Activa e que, unha edición máis, pretende ofrecer aos colectivos sociais ponteses a oportunidade de contar obradoiros gratuítos, neste caso de risoterapia, dirixidos non só a coñecer os beneficios deste tipo de terapia senón tamén a fomentar as relacións sociais entre veciños e veciñas dun mesmo barrio. Onte mesmo o edil do ramo, José Alén, se encargaba de inaugurar os dous cursos que se desenvolverán este ano e que, unha vez máis, contan co respaldo económico da Deputación da Coruña. Os integrantes dos colectivos Lembranza da Vila e Viuvas María Magdalena serán, para esta edición, os participantes destes dous talleres que contarán con 30 horas de duración e nos que tomarán parte case 40 veciños e veciñas, maiores de 55 anos. E é que éste tamén é un dos requisitos deste programa: a idade, xa que Vellez Activa busca chegar a esas veciñas e veciños máis maduros e fomentar novas actividades para que desfruten do día a día, estreiten as súas relacións con aqueles que residen ao seu carón e que pasen un bo rato en cada sesión. Segundo explicou onte o propio José Alén durante a inauguración dun destes talleres, a risoterapia conta ás súas costas con múltiples efectos positivos xa que mediante a risa, as gargallas, as chiscadelas e o humor é máis sinxelo sobrelevar as preocupacións, doenzas ou o estrés diario e é que este tipo de exercizos permiten liberarse do peso físico e psíquico que supoñen os problemas do día a día. Durante estas semanas, os participantes volverán aprender a exteriorizar as súas emocións e empregar a risa para o seu benestar. De feito, o rirse estimula o sistema nervioso e permite liberar endorfinas, o que repercute positivamente no sistema inmune e endocrino. Asemade, segundo os expertos, rirse axuda a diminuír a percepción da dor, a combatir o estrés e o insomnio, a reducir a ansiedade e a mellorar a función pulmonar. Cada sesión contará cunha parte adicada ao movemento e a diferentes estiramentos para desbloquear o corpo e que éste se relaxe, para continuar con exercizos de comunicación que permitan a deshinibición dos asistentes e crear unha complicidade entre os participantes. Por suposto non faltarán os xogos e as prácticas dirixidas a buscar a diversión e as gargalladas e que de seguro serán moitísimas ao longo das diferentes sesións que se incluien neste Vellez Activa 2014.

No hay comentarios:

Publicar un comentario