lunes, 1 de diciembre de 2014
Gran éxito de participación na I Cea Solidaria organizada pola Comisión de Festas 2014
Que As Pontes é un pobo solidario é algo máis que unha afirmación que, o pasado sábado, volvía quedar máis que demostrada coa masiva participación de veciños e veciñas na primeira edición da Cea Solidaria, unha iniciativa organizada dende a comisión de festas do Carme e a Fraga 2014 que decidía aproveitar o remanente destes festexos para organizar unha cita gastronómica para recadar fondos para diferentes entidades pontesas.
Así, ao redor de 250 comensais de todas as idades dábanse cita no local social do colectivo Vincallo, na Cal da Avelaíña, para desfrutar dunha cea do máis internacional e na que produtos tan típicos de Galicia coma o churrasco, os cachelos, a empanada ou o requeixo con mel se mesturaron con boliños de bacallau portugueses, empanadiñas de carne suramericanas e postres do máis variopintos vidos de Marrocos, Colombia ou Perú.
Ducias de veciños e veciñas se sumaron a esta cita por unha boa causa e é que todo o recadado terá como destino as entidades Adiante, Cáritas, Aspanaes e A Xanela que unha vez máis contaron co respaldo non só da veciñanza, senón tamén de moitos comercios, bares e ata clubes deportivos locais que aportaron o seu gran de area con diferentes agasallos que se sortearon entre os presentes e doazóns en forma de empanadas ou bebidas para desfrutar desta noite.
Non faltou por suposto o apoio do Concello de As POntes que estivo representado polo alcalde, Valentín González Formoso, e que acudiu a esta convocatoria xunto cos edís de Industria, Xuventude, Deportes, Servizos Sociais, Persoal, Facenda ademáis da concelleira de Cultura, Sara Ramos, tamén implicada na iniciativa xunto con Pablo Montero, Ana Belén Fernández, Fina Bellas e Elena López, integrantes da comisión organizadora.
Durante a noite, ademáis da boa comida, non faltou a diversión para os máis novos que, xunto coas monitoras do espazo infantil Bolboreta, houbo música cun posterior baile e sorteos de camisetas de clubes locais, xogos, artigos de decoración e ata dunha viaxe para dúas persoas a Cantabria e por suposto, as verbas de varios dos representantes das entidades Adiante, A Xanela, Aspanaes e Cáritas que, agradeceron o gran respaldo social desta causa.
A festa rematou a altas da madrugada e é que a ocasión así o merecía. Foi cun baile no que as cumbias, os merengues e os pasodobres do Dúo Maracuyá e dun dj fixeron que esta noite solidaria rematase nunha madrugada ateigada de diversión e que, de seguro, non será a derradeira.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario