jueves, 4 de diciembre de 2014
Servizos Sociais abre o prazo para anotarse nunha nova edición de Diverocio Nadal
Achéganse as vacacións de Nadal para moitos escolares e con elas as típicas dúbidas de pais e nais á hora de buscar con quen deixar aos seus pequenos namentras que eles e elas deben facer fronte ás súas obrigas laborais.
Un ano máis, dende o departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller volverán ofrecer unha boa solución para aqueles pais e nais que, nestas datas deben conciliar vida laboral e familiar, abrindo ao público o programa Diverocio Nadal 2014; uns obradoiros dirixidos a pequenos de entre 3 e 11 anos que se desenvolverán os días 22, 23, 26, 29 e 30 deste mes e 2, 5 e 7 de xaneiro.
Oito sesións que arrincarán ás 9.00 e rematarán contra das 14.00 horas e que, un ano máis, terán como escenario as dependencias do colexio da Magdalena.
Manualidades vencelladas co Nadal, xogos, deportes e diferentes actividades dirixidas a fomentar o traballo en equipo, o respecto e a tolerancia integrarán este programa que, un Nadal máis, ofrecerá a oportunidade a medio cento de nenos e nenas de desfrutar das vacacións de Nadal pero dun xeito diferente, aprendendo, pasando un rato entretido e, por suposto, traballando en valores.
No tocante ás inscricións dende hoxe mesmo e ata o vindeiro día 18 será posible formalizar as mesmas con tan só cubrir o pertinente formulario, adxuntar a documentación esixida e pagar a cuota correspondente e que ascende a 40 euros por pequeno inscrito.
Para esta edición Diverocio Nadal contará con 50 prazas que, no caso de non ser suficientes, adxudicaranse por orde de preferencia, tendo maior puntuación aqueles pais e nais que xustifiquen o estar a traballar nestas datas, as familias que conten cunha persoa dependente ao seu cargo ou as familias monoparentais onde a persoa encargada dos pequenos se atope traballando ou realizando un curso formativo.
De feito, para xustificar todas estas circunstancias será preciso que, unha vez que se entregue a folla de inscrición, se inclúa unha fotocopia do Libro de familia; certificado da empresa de conforme se está a traballar nas datas de Diverocio Nadal; fotocopia do último recibo de autónomos de darse o caso; certificado da entidade que imparte a formación de estar asistindo a ela; declaración xurada de estar a traballar no servizo doméstico e documentación que xustifique as diferentes situacións de respiro familiar ou semellantes.
As inscricións poderanse tramitar no departamento de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso, en horario de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres ou ben por internet enviando un correo electrónico coa documentación esixida ao enderezo servizos.sociais@aspontes.org.
Para obter máis información tamén é posible pasarse por este departamento de luns a venres en horario de mañá ou ben telefonar ao 981 44 10 08.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario