martes, 27 de enero de 2015

Cultura presenta o cartel anunciador da XXXV Feira do Grelo de As Pontes

Vimos de recuperarnos das festas do Nadal pero pouco tempo temos para repoñer forzas e é que, en tan só tres semanas, estaremos novamente inmersos en celebracións: neste caso de Antroido e é que durante a fin de semana do 14 e 15 de febreiro, veciños e veciñas de todas as idades desfrutarán dunha das festas máis falcatrueiras do ano porque chega o antroido; unha festa que na nosa vila sempre se celebra por todo o alto e que, neste 2015, non ía ser unha excepción. De feito, nestas últimas horas xa se facía público o cartel anunciador, da que será a XXXV edición da feira do grelo de As Pontes e que nos deixa a imaxe curiosa e orixinal con ducias de follas de grelos rompendo co azul do ceo. Jonás Álvarez Rama é o autor desta imaxe que ven de tomar o relevo de Zalo Alo, autor da proposta anunciadora de 2014, e que servirá para dar a coñecer esta mítica cita do antroido galego por todos os concellos da contorna. Pero aquí non quedan as celebracións do antroido pontés e é que, ademáis da mítica e popular Feira do Grelo, onde non faltarán exposicións, certames de cestas e postos de produtos artesanais ou do campo ou unha degustación popular de cocido; se sumará a tradicional cabalgata de disfraces onde, coma sempre, se repartirán multitude de premios entre os concursantes a nivel individual, parellas ou grupos que se presenten a este desfile ou o certame anual de comparsas. Polo momento, o antroido pontés tan só conta con estas pequenas pinceladas de programación pero, nos vindeiros días, poderemos debullar o programa elaborado pola concellería de Cultura para que, unha vez máis, tamén esta tradicional festa sexa todo un referente a nivel galego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario