miércoles, 14 de enero de 2015

O Concello acondiciona a parcela na que se instalarán un cento de hortos urbanos

O Concello de As Pontes, mediante a Concellería de Medio Rural, segue adiante co que vai ser un proxecto totalmente novidoso na contorna, sinónimo de autosuficiencia, aforro económico, ocio e convivencia veciñal. O executivo pontés ultima os trámites para crear unha horta urbana comunitaria. O proxecto inclúe a creación de 100 hortas, de non menos de 42 m2, que se situarán na Rúa Alcalde José Vilaboy Pajón, nunha parcela de máis de 9.000 m2. No eido administrativo, dende o Concello ultimáronse xa os plegos para a licitación, mentres se agarda tamén pola chegada das subvencións solicitadas e concedidas para levalo a cabo. Unha vez executado o proxecto, que foi deseñado por Agroeume SL, a parcela contará cun caseto con taquiñas, baños, almacén para gardar as ferramentas, e unha zona cuberta para a limpeza das hortalizas. Tamén disporá de zona de acceso con prazas de aparcamento, camiños de acceso ás hortas, instalación de rego e unha zona de compostaxe. O proxecto vai supor un desembolso para o Concello de 67.093 euros, o que incluirá a urbanización do terreo, a obra civil, os equipos e maquinaria, os suministros de fontanería, electricidade e protección contra incendios e o proceso de enxeñería. Esa partida irá incluida nos vindeiros orzamentos municipais, polo que en canto entren en vigor se comezarán a executar as obras pertinentes para as que os primeiros pasos veñen xa de darse co acondicionamento dos terreos nos que se vai ubicar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario