miércoles, 21 de enero de 2015

Os alcaldes de As Pontes, A Capela e Monfero reclaman unha negociación entre a Xunta de Galicia e os propietarios dos terreos das Fragas do Eume para lograr unhas compensacións xustas pola explotación medioambiental destes terreos

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, volveu reclamar onte á Xunta de Galicia que negocie cos propietarios dos terreos afectados polo Plan Rector de Usos e Xestión das Fragas do Eume (PRUX) e que, deste xeito, os afectados poidan recibir algún tipo de compensación que non perxudique a inclusión das súas propiedades neste parque natural. O primeiro edil pontés protagonizou unha rolda de prensa na compaña dos seus homólogos da Capela, Manuel Meizoso, e Monfero, Benjamín Rodríguez, e dous representantes dos propietarios destes terreos: Ángeles Pita e Manuel Díaz, que citaron aos medios na Capela para dar conta da súa disconformidade coas recentes actuacións da Xunta de Galicia en relación a este tema. Na súa intervención, González Formoso deu conta dun documento asinado catro anos atrás polos alcaldes de A Capela, Monfero, Cabanas, Pontedeume e As Pontes e pola propia Asociación Propietarios para a Defensa das Fragas do Eume e do Parque Natural do Eume Natureza e Desenvolvemento. No citado texto, todos os asinantes defenden unha postura común ante o novo PRUX, e solicitan á Xunta que pospoña a tramitación do documento ata que se aclaren conceptos coma as limitacións de cada parcela e as compensacións que recibirá cada propietario. Asemade, neste mesmo documento se recolle o compromiso de todos os asinantes de non apoiar o plan reitor ata que se den as condicións de aceptación necesarias por parte dos propietarios afectados. O primeiro edil pontés tamén reclamou da Xunta de Galicia que negocie cos propietarios dos terreos do parque natural Fragas do Eume nas mesmas condicións que xa se fixo no seu día noutros puntos do país con parques naturais semellantes ao galego e nos que se estableceron compensacións de todo tipo para os propietarios. Gonzalez Formoso puxo como exemplo de negociación o acontecido nos Ancares onde, tras atender ás demandas dos veciños afectados, a propia Xunta de Galicia apostou por non declarar a zona como parque natural; e demandou unha liña de compensacións claras e transparentes, semellantes ás aplicadas noutras comunidades como Asturias ou Canarias. O alcalde pontés tamén adiantou que, de non atender estas peticións, os concellos afectados defenderán as súas demandas en Europa, principal responsable das axudas que reciben as Fragas do Eume, mediante o programa FEDER.

No hay comentarios:

Publicar un comentario