viernes, 2 de enero de 2015

Os Reis Magos visitarán As Pontes o vindeiro luns na tradicional cabalgata que pechará as actividades deste Nadal

Conta atrás para que Melchor, Gaspar e Baltasar visiten terras pontesas e é que o vindeiro luns, as súas Maxestades de Oriente percorrerán as rúas da nosa vila para repartir entre pequenos e pequenas quilos de doces, na compaña dos seus paxes e, por suposto, a bordo das súas fermosas carruaxes. Como non podía ser doutro xeito, o departamento municipal de Cultura será o encargado de organizar esta visita que arrincará ás 17.30 horas dende a avenida de Monte Caxado para continuar pola avenida de Ortigueira e Castelao ata chegar a unha das arterias principais do centro urbano: a avenida de Galicia onde, de seguro, se concentrarán centos de veciños e veciñas de todas as idades para saudar aos Reis de Oriente. O periplo pontés de Melchor, Gaspar e Baltasar continuará pola avenida Rosalía de Castro e a avenida de Ferrol para rematar diante da Casa do Concello onde, un ano máis, serán recibidos polo alcalde Valentín González Formoso que lles fará entrega da chave que abre as portas das casas de todos os nenos e nenas pontesas. Melchor, Gaspar e Baltasar dirixiranse dende o balcón do Concello a todos aqueles que se concentren diante da Casa Consistorial facéndolles chegar os seus mellores desexos e incluso con algún que outro consello para lograr que, nesta noite máxica, todos vexan cumpridos os seus desexos. Por suposto, tamén se dará lectura a algunha das misivas entregadas nestes días, no buzón real. Non faltará a recepción a todos os nenos e nenas que desexen achegarse ás súas Maxestades e é que, o salón de plenos, engalanarase un ano máis para recibir aos Reis Magos. Ata alí tamén se poderán desprazar os nenos e nenas que queiran transmitir a Melchor, Gaspar e Baltasar aqueles últimos agasallos que, ao día seguinte, de seguro que estarán a carón das súas árbores de Nadal. Así rematará a noite máis máxica do ano na que, de seguro, non haberá carbón para ninguén.

No hay comentarios:

Publicar un comentario