miércoles, 7 de enero de 2015

Os Reis Magos volveron traer ilusión ás rúas pontesas 

Melchor, Gaspar e Baltasar non podían faltar á súa tradicional visita cos nenos e nenas das Pontes que tan ben se portaron durante todo o ano e, por este motivo, na tarde do luns acudían a bordo das súas impresionantes carruaxes á Cabalgata deseñada polo departamento municipal de Cultura para despedir, por todo o alto, estas festas de Nadal. Ás seis menos vinte da tarde as bombas de palenque anunciaron o inicio dun percorrido que arrincaba na avenida de monte caxado, nunha comitiva que encabezou a carroza do gran Melchor que, na compaña de ducias dos seus paxes, abría a roita polas rúas máis céntricas do casco urbano. Tras del o rei Gaspar, tamén escoltado polos seus paxes e con caixas e caixas ateigadas de doces, confeti e serpentinas. Non podía faltar o rei Baltasar neste percorrido e que, entre saúdos e repartido caramelos tamén se fixo co favor dos pequenos e pequenas que ateigaron as avenidas de Ortigueira, Castelao, Galicia, Rosalía de Castro ou Ferrol, por onde pasearon as súas maxestades para delicia dos máis novos. Como tamén é habitual, Melchor, Gaspar e Baltasar remataron a súa viaxe na Casa do Concello onde foron recibidos polo alcalde de As Pontes. Alí, no balcón da Casa Consistorial, Valentín González Formoso non só facía entrega da chave que abre todas as portas das casas dos nenos e nenas de As Pontes senón que tamén daba conta do seu desexo para este 2015: que As Pontes e os ponteses teñan un novo ano ateigado de bos momentos e felicidade. Melchor, Gaspar e Baltasar tamén se dirixiron aos presentes, sobre todo aos máis novos, aos que pediron que seguisen sendo así de bos durante todo o ano e que, por suposto, se acordasen de deixarlles unhas manteigadas e un vaso de leite baixo a árbore de Nadal durante a noite de Reis para que as súas Maxestades e os seus dromedarios puidesen repoñer forzas nesta noite de traballo tan longa. Por suposto, un ano máis, tamén se daba lectura a algunha das cartas enviadas estes días ás súas Maxestades e así os desexos de Líam, Xulian e David que pedían consolas, xoguetes para os que menos teñen ou un camión de bombeiros se facían públicos nas voces de Melchor, Gaspar ou Baltasar. Tras cumprir coas autoridades tocaba recibir aos auténticos protagonistas do día; as ducias de nenos e nenas de as pontes que querían aproveitar estas últimas horas para lembrarlles ás súas maxestades eses agasallos que, de seguro, onte á mañá aparecían a carón da súa árbore. Así, novamente, se habilitaban no salón de plenos uns tronos acordes coa importancia dos seus inquilinos nos que un por un cada neno e nena puido expresar os seus desexos para esta máxica noite. Bonecas, videoxogos, peluches, heroes do comic, bicicletas ou pelotas de fútbol foron algunhas das peticións que pequenos coma María, Iago, Laura, Adrián ou Sara lles transmitiron ás súas Maxestades nunha especial audiencia ateigada de sorrisos aínda que, coma sempre, tamén houbo quen se resistiu a compartir coas súas maxestades os seus desexos para esta noite. Así, con alegrías, algún que outro desgusto pero sobre todo con moita maxia se pechaba a noite do pasado luns na que, novamente, As Pontes volvía ser parada obrigada para a noite na que os desexos dos máis pequenos se fan realidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario