jueves, 8 de enero de 2015

Un sorteo de xoguetes puxo o broche de ouro a unha nova edición de mundoxogo

Mundoxogo despedíase onte dos pequenos e pequenas ponteses e facíao por todo o alto cun impresionante sorteo de agasallos entre todos aqueles nenos e nenas que, dende o pasado día 20 e ata onte mesmo, pasaron polas súas instalacións na sala de exposicións do Mercado Vello e se animaron a probar algunha das videoconsolas, compartir as aventuras de Playmobil ou Lego ou desfrutar da piscina de bolas. Ademáis de vivir a derradeira tarde entre carreiras de coches, encontros de fútbol ou baloncesto, indios, vaqueiros e piratas ou tirando de imaxinación e creatividade nas mesas de arxila Clay, debuxo e pintura; os alí presentes tamén tiveron a oportunidade de facerse con puzzles, pistolas Nerf, xoguetes Playmobil, xogos de manualidades para pintar ou coches e helicópteros de radiocontrol nun derradeiro sorteo no que, ademáis dos propios monitores de Mundoxogo, tamén se contou coa presenza do edil José Alén, neste caso en representación da concellería de Xuventude, responsable de traer unha vez máis ata As Pontes este entretido programa. Houbo quen foi do máis afortunado e cuio boleto recibiu máis dun premio, aqueles que, en representación da familia, tamén se levaron varios xoguetes e, lamentablemente, pequenos e pequenas aos que non lles sorriu a sorte onte á tarde pero que, de seguro, xa contaron con moitos agasallos na noite de reis. Así, por todo o alto, e repartindo agasallos Mundoxogo pechaba as súas portas tras case dúas semanas ofrecendo diversión a esgalla a pequenos e pequenas de todas as idades.

No hay comentarios:

Publicar un comentario