
A Avenida de Ferrol estase a sumar ao cambio estético de rúas coma Rego do Campo ou Avenida da Coruña e é que, dende hai uns días, xa están en marcha os traballos de reforma deste vial, incluídos no proxecto global de remodelación estética e funcional do centro do casco urbano.
Logo de facer previamente as obras precisas para instalación do gas, agora xa se vai comezar coas dúas fases que suporán a humanización desta arteria principal do centro urbán.
A inversión total prevista chega ata os 150.000 euros para remozar unha rúa que non vai ser peonil, pero si se contará con beirarrúas máis anchas e na que o asfalto se eliminará en favor doutro tipo de pavimento máis acorde co entorno. Asemade, tamén se instalará novo mobiliario e trocarase a iluminación, na liña do que se está a facer en toda a zona.
Con estas novas obras quedará, unha vez unidas, unha única rúa entre o Rego do Campo e a Avda da Coruña, con prioridade absoluta do peón, e logo faríase un anel de paseo tamén coa mesma Avda de Ferrol, a Rúa Rita Rivera, e a Avenida de Galicia.
Logo, a terceira fase, afectará á rúa Rosalía de Castro que tamén será remodelada nuns criterios semellantes ás anteriores.
Todas estas actuacións obedecen a un proxecto común, e que vai tomando forma, de humanización do centro da vila, que xa se ten plasmado nestas rúas, nos arredores da Casa Consistorial, nos xardíns do Campo da Feira e na Praza do Carme.
Así segue o avante do ambicioso proxecto de profundo lavado de cara do centro urbán pontés, un proceso longo que ocupou toda a lexislatura, e se estenderá na seguinte, e que se víu beneficiado pola achega do Plan FESL 2010.
As reformas nos espazos urbáns e as actuacións sobre infraestruturas destes espazos públicos fan que sigamos coas actuacións en marcha para o que se está a recorrer a aportacións das catro administracións: estatal, autonómica, provincial e local, que están a colaborar para ofrecer unha mellor calidade de vida aos ponteses e pontesas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario