

A tenente de Alcalde, Montserrat García, foi a encargada de dirixir unha visita que levou ao xurado ao lago, á entulleira e a diferentes puntos do casco urbano pontés
O Concello de As Pontes recibiu hoxe a visita de Virginia Torralba Baraja, coordenadora técnica do Comité de Avaliación dos Premios Europeos EDEN 2011 á excelencia turística europea, galardóns aos que concorre o concello mediante o proxecto Solución Ambiental Sostible á Mina, que inclúe non só o lago de As Pontes, senón tamén todo o entorno natural da entulleira.
Na súa visita, a representante do xurado puido coñecer de primeira man o importante traballo de recuperación desenvolvido na entulleira de Endesa e no lago, que percorreu en barca xunto con membros do goberno municipal, e da dirección da propia mina de Endesa, que tamén serviron de guías por todos os puntos do lago e arredores visitados ao longo da mañá.
De feito, neste encontro, comandado pola tenente de Alcalde, Montserrat García, e polo director da mina, Francisco Arechaga; a representante dos premios EDEN recibiu cumprida conta da marcha do proxecto do lago e tamén das actuacións desenvolvidas para a recuperación da entulleira, que puido visitar.
Xa pola tarde, o executivo municipal ofrecía unha recepción presidida por Montserrat García, e na que tamén participaron unha vintena de integrantes das mesas sectoriais veciñais que están a traballar no proxecto.
A tamén edil de Participación Cidadá resumiu ante os presentes a visita realizada durante a mañá ao lago e que definiu coma un gran traballo de recuperación, de calidade e cunha importancia estética moi relevante.
Asemade, Montserrat García deu conta do desexo do goberno municipal de implicar á cidadanía para dar lugar a un proxecto de todos xa que, a antiga mina e o actual lago son froito, segundo explicou, do esforzo, entrega, traballo, sentimentos e calamidades de moitos ponteses que viviron extraendo carbón da mina e que incluso tiveron que abandoar os seus fogares en prol do avance da explotacion.
De feito a concelleira defendeu esta iniciativa coma un proxecto de futuro turístico ao que tamén se está adaptando o casco urbano, que está a mudar de aspecto, con diferentes melloras para incrementar o seu valor turístico, con servizos e actividades atractivas para os que veñen de fóra, tal é o caso da Casilla, A Vila, os xardíns do Campo da Feira, as rúas do centro urbano ou a Fraga, entre outros lugares e que tamén puido visitar Virginia Torralba.
Asemade, a coordinadora dos Premios EDEN puido coñecer da voz dos propios veciños o que supuxo non só a mina, senón tamén o sentimento de ter que abandoar as súas terras e antigas parroquias en prol da evolución industrial.
Ao final da xornada, a primeira tenente de Alcalde valorou moi positivamente o resultado desta visita na que, segundo explicou, se intentou facer chegar ao membro do xurado, non só a importancia do proxecto que se está a desenvolver no lago, senón tamén o proceso de adaptación do resto do municipio como destino de interese turístico e as iniciativas que se desenvolverán ao abeiro deste espazo natural, coma un clube nautico, un museo da minería ou un museo de memoria histórica ou un centro de interpretación no que se recollerá a historia das parroquias desaparecidas e da explotación mineira.
Finalmente, a concelleira fixo especial fincapé na intención de trasladarlle ao xurado o sentimento de pasado e morriña que se agocha baixo as augas do lago, calificando este proceso de rexeneración coma unha homenaxe e un exemplo de lembranza do que supuxo a mina para As Pontes e para os seus veciños, sobre todo para aqueles que tiveron que deixar as súas casas e terras en prol do desenvolvemento industrial e do progreso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario