lunes, 9 de mayo de 2011

Uns 200 vehículos pesados participan na XI edición da Festa do Camioneiro do Concello de As Pontes








Máis de medio cento de vehículos históricos e último modelo sumáronse ás celebracións protagonizando unha espectacular exposición


O Concello de As Pontes albergou este sábado, a XI edición da Festa do Camioneiro, unha cita na que, finalmente, se contou coa participación de case 200 vehículos pesados que percorreron, dende ven cedo, as rúas do casco urbano, nunha marcha que arrincaba dende o barrio da Casilla e que remataba na Canle IV, lugar que serviu de aparcadoiro para toda a flota de camións que decidiron sumarse a esta celebración.
O Concello de As Pontes xunto co Colectivo de Transportes do Carbón (A.C.T.C) e Transpuerto Ferrol – As Pontes S.A. aunaron esforzos, un ano máis, para poñer en marcha esta máis que merecida homenaxe a un dos sectores básicos da economía local e que, hai tan só uns meses, pasaba polo seu peor momento debido á aprobación do Decreto do Carbón.
Transportistas de As Pontes, Vilalba, Neda, San Sadurniño ou Ferrol participaron nesta xornada na que tamén foi posible desfrutar doutro tipo de actividades coma unha exposición de vehículos históricos, na que se deron cita case unha vintena de clásicos coma Pontiacs, Seats 124, Mercedes, Seat 600 ou Lincolns, ademáis dunha ampla mostra de vehículos e camións de ocasión e últimos modelos que permaneceron ao longo de toda a xornada na Avenida da Coruña.
Asemade, a programación desta festa incluiu unhas xornadas adicadas ao sector do transporte e nas que se analizou os cambios realizados na normativa do transporte, nestes últimos anos. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, foi o encargado de inaugurar estas xornadas, na Casa Dopeso, mediante un discurso no que subliñou a entrega e tesón do colectivo dos camioneiros, durante unha etapa tan difícil como foi a da loita en prol da modificación da normativa que prima o uso de carbón nacional nas centrais eléctricas.


González Formoso ofreceu todo o seu apoio e respaldo ao sector e agradeceu a implicación e entrega de todos e cada un dos transportistas que, hai tan só uns meses, loitaron polo seu dereito a traballar pero, tal e como salientou o rexedor, dando exemplo de diálogo, saber estar, educación e de pacifismo e é que, o primeiro edil asegurou sentirse moi feliz de poder novamente polas rúas de As Pontes unha marcha de transportistas pero con fin lúdico, e non vencellada a unha problemática laboral coma as acontecidas semanas atrás.
Denantes de celebrar un xantar popular, no que participaron case 400 persoas, tivo lugar un acto relixioso no que tamén se aproveitou para lembrar ás persoas vencelladas ao sector e falecidas recentemente coma Roberto Tojeiro, Manuel Filgueiras e José Luis Crende Varela.
A xornada completouse cunha exhibición de coches teledirixidos e cunha verbena nocturna na Praza de América amenizada polo Grupo Iris.

No hay comentarios:

Publicar un comentario