domingo, 8 de mayo de 2011

O alcalde de As Pontes recibiu este venres na Casa do Concello ao bispo da Diócese de Mondoñedo - Ferrol





• González Formoso recalcou a entrega de Sánchez Monge, salientando a súa gran preocupación polas súas comunidades e fregueses


O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, presidiu este venres, na Casa Consistorial, a recepción oficial a bispo da Diócese de Mondoñedo – Ferrol, Manuel Sánchez Monge.
O acto, no que participaron membros dos diferentes grupos políticos e representantes do tecido asociativo local, forma parte do programa deseñado plo equipo pastoral de Santa María de As Pontes para esta primeira visita do máximo responsable da Diócese de Mondoñedo – Ferrol, e que arrincaba o pasado mes de abril, con diversos encontros veciñais, visitas ao lago artificial e á central térmica de Endesa ou eucarísticas que permitiron achegar ao bispo a realidade da comunidade cristiá pontesa.
Precisamente, este intenso contacto coa veciñanza foi calificado por González Formoso coma un exemplo do coidado e ocupación que procesa Monseñor Sánchez Monge aos seus fregueses. Asemade, no seu discurso de benvida, o rexedor quixo convidar ao bispo a compartir coa comunidade cristiá local as celebracións que se están a idear para a conmemoración do 275 aniversario da fundación da Confraría da Virxe do Carme.
O bispo agradeceu, na súa intervención, a gran acollida recibida pola veciñanza de As Pontes e polo goberno municipal, dos que gabou a súa entrega, solidariedade e axuda que, segundo explicou, quedou máis que reflectida nun momento tan duro como foi a loita en prol da modificación do Decreto do Carbón.
E é que, denantes de asistir a este acto oficial, Monseñor Sánchez Monge mantivo un encontro con varios dos representantes do colectivo de transportistas de As Pontes que lle trasladaron a dura situación vivida durante os seis meses da súa protesta e o apoio recibido pola cidadanía, nuns momentos tan complicados.

Neste senso, Sánchez Monge quixo recoñecer o admirable comportamento de todos os ponteses e pontesas que, mediante o diálogo, lograron unha solución a esta problemática, comportamento que tamén quedaba reflectivo nas verbas que o propio bispo deixou plasmadas no Libro de Ouro do Concello de As Pontes.
O acto rematou coa entrega dunha copia do vaso campaniforme e de diferentes produtos gastronómicos do municipio.
Agora por diante aínda quedan varios compromisos xa que mañá Manuel Sánchez Monge dará o sacramento da Confirmación a un grupo de mozos e mozas da localidade, na igrexa parroquial de Santa María e o domingo visitará a Vilavella e Roupar. Finalmente, o 15 de maio o bispo manterá un encontro con catequistas, pais e nenos tamén na igrexa parroquial e visitará as parroquias de Somede e o Freixo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario