Unhas 400 persoas xa confirmaron tamén a súa asistencia ao xantar popular que se celebrará no patio do Colexio Santa María
O Concello de As Pontes albergará mañá unha merecida homenaxe ao colectivo de transportistas do municipio, xa que tras dun ano de ausencia novamente os grandes das estradas volverán tomar o casco urbano na que será a XI edición da Festa do Camioneiro.
As rúas do centro pontés serán o escenario no que se desenvolverán as múltiples actividades ideadas para celebrar este acontecemento no que tamén se lembrará aos falecidos, vencellados ao mundo do camión, nunha cerimonia litúrxica.
De feito xa ás 9.00 horas será posible desfrutar dos grandes trailers no barrio da Casilla onde se concentrarán para, xa ás 10.00 horas, dar o pistoletazo de saída a unha caravana de camións que percorrerán as rúas máis centricas do municipio ata chegar á Canle IV, lugar que servirá coma aparcadoiro destes mastodontes das estradas. No tocante á cifra de participantes, segundo a organización que corre a cargo do Colectivo de Transportes do Carbón, do Concello de As Pontes e de Transpuerto Ferrol – As Pontes, está previsto que tomen parte ao redor de 160 vehículos.
Ao remate desta caravana terá lugar unha charla adicada ao mundo do transporte que cambiaba de horario pero non de emprazamento, de aí que a Casa Dopeso acollerá en torno ás 11.30 horas estas charlas que, nun principio se ían celebrar pola tarde.
Tamén ás 11.30 horas abrirase a mostra de vehículos antigos e camións último modelo, que permanecerán instaladas nas avenidas da Coruña e Ferrol, ao que se sumará a exposición fotográfica Naturalmente As Pontes, que dende mañá, se poderá tamén visitar no Mercado Vello e na que se recolle un cento de instantáneas das máis de 200 que tomaron parte no certame fotográfico organizado polo Concello o pasado verán para impulsar a riqueza turística do municipio.
Xa ás 13.30 horas a actividade trasladarase ao patio do colexio Santa María onde terá lugar unha celebración relixiosa para continuar, ás 14.00 horas, cun xantar popular que tamén se celebrará neste mesmo emprazamento e no que participarán 400 comensais. De feito, as persoas interesadas aínda poderán adquirir mañá un ticket para participar neste xantar na caseta que se instalará a carón do centro educativo.
Pola tarde, ás 17.30 horas, retomaranse as actividades cunha exhibición de coches teledirixidos.
Como broche de ouro nada mellor que a música da verbena popular que arrincará contra das 23.00 horas da noite na Praza de América.
Dende o executivo local quixeron facer un chamamento á cidadanía para que ésta se anime a participar neste amplo programa de actividades e acompañe a este colectivo tan importante para a economía pontesa nesta máis que merecida homenaxe.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario