viernes, 13 de mayo de 2011

O Concello de As Pontes e os estudantes da UDC presentan as súas ideas e proxectos para a urbanización do lago pontés



A Casa Dopeso acolleu un acto no que tomaron parte docentes, estudantes e medio cento de veciños que escoitaron as diferentes propostas deseñadas para poder facer de As Pontes un municipio con interese turístico
O Concello de As Pontes albergou hoxe a presentación dos diferentes proxectos académicos ideados polos máis de 250 alumnos e alumnas e 20 profesores da Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña, para o desenvolvemento urbanístico do lago de As Pontes e a súa conexión co barrio da Casilla.

Nun acto que tivo lugar na Casa Dopeso e no que participar medio cento de veciños, déronse a coñecer algunhas das ideas incluídas nun dos proxectos dos oito presentados polos diferentes grupos de estudantes e docentes da universidade herculina, e nos que se inclúen iniciativas urbanísticas coma a creación de varios observatorios de aves, a construción dun hotel no barrio da Casilla e unha ampla variedade de equipamentos deportivos, entre outras posibilidades.

Na presentación contouse coa presenza do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; do director da Escola Superior de Arquitectura da Coruña, José Manuel Casabella, e de varios dos mestres e alumnos que participan neste proxecto, ideado ao abeiro dun convenio asinado hai uns meses entre o cabildo pontés e a universidade coruñesa.

Esta colaboura traduciuse nun macroproxecto de varias fases e que podería levarse a cabo. Na primeira das mesmas cada grupo de estudantes deseñou varios observatorios de aves que se espallarían por todo o perímetro da masa de auga que supón o lago.

Xa na segunda ideuse un centro de investigación que, ao mesmo tempo, serviría como residencia de investigadores con capacidade para uns 15 especialistas e que iría ubicada na Casilla, para continuar cun proxecto de urbanización da estrada que enlaza As Pontes con Ortigueira, co fin de transformala nun bulevar. Esta parte do proxecto tamén incluiría diferentes propostas de aproveitamento do lago e un proceso de urbanización que enlazaría o casco histórico pontés co lago, mediante un aproveitamento do entorno do río Eume dende o paseo do Ciclo Combinado ata a ponte de Isabel II, cun parque natural fluvial que tería o seu punto de maior interese no entorno da ponte de Perfolla e da Casa da Enerxía, dando lugar a un meandro e á conexión do centro da vila co lago.





Asemade, outras das propostas de ocio presentadas inclúen a conversión da península na que agora se atopa a maquinaria de Endesa nunha zona natural onde realizar concertos, coloquios e diferentes iniciativas nas que quedase máis que presente o pasado mineiro do municipio, gracias ao seu entorno.

Tamén se presentaron outras ideas coma un teleférico que permitiría unir varios puntos do lago, diferentes instalacións para clubes vencellados aos deportes acuáticos ou un porto deportivo, entre outras ideas, aínda que todas as iniciativas presentadas en xeral compartiron unha liña de traballo: unir o lago co centro do municipio e reactivar o paseo do Eume para que éste conectase co lago e co seu entorno, facendo desta masa de auga un espazo con utilidade pública

Nestes momentos, os estudantes están a desenvolver unha cuarta planificación que inclúe a construción dun hotel con spa, piscinas e diversos equipamentos no barrio da Casilla e que se presentará dentro dunhas semanas.

Pola súa banda, o alcalde de As Pontes quixo subliñar, na súa intervención, a gran idea que foi o asinar este acordo de colaboura coa UDC e que dará lugar a iniciativas que poderían ser viables para o entorno e aproveitamento do lago aínda que o alcalde salientou que é preciso realizar un traballo de estudo pausado, sosegado, baseado na reflexión, na prudencia e na planificación exhaustiva xa que disto depende a oportunidade que pode significar este espazo para o municipio, como atractivo turístico e de ocio.

Nembargantes, o executivo local tamén quixo aportar as súas propias ideas, de aí que o primeiro edil anunciase a intención de crear un paseo que de comezo na Vila para continuar polo Eume ata a Casa da Enerxía, seguindo polo entorno de Endesa e a parte traseira da central de Ciclo Combinado e que permita a veciños e visitantes coñecer a realidade de As Pontes a nivel industrial e o seu futuro natural, gracias ao lago.

González Formoso tamén anunciou que xa se ten acordado con Endesa a cesión dunha rotopala para o Museo da Minería e que se ubicará a carón da praia artificial ao que se sumará o circuíto de karts, iniciativas que se desenvolverían con cargo a plan U

Finalmente, o rexedor pontés anunciou que en cousa dun mes verá a luz o resultado final deste importante traballo de deseño e planificación mediante unha publicación na que se recollerán diferentes proxectos, realizables ou non, e o futuro dos equipamentos deste espazo que, segundo explicou González Formoso, se acometerán con cargo ao Plan Urban da Deputación da Coruña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario