


O Concello de As Pontes e a Cámara de Comercio idearon este galardón no que tomaron parte máis dunha ducia de comercios e empresas pontesas
O Concello de As Pontes e a Cámara de Comercio fixeron onte entrega do I Premio Tesouro, dirixido a recoñecer o emprego e o fomento do galego dende a empresa e o comercio locais.
O salón de peiteado Fadas e a discoteca F&K fixéronse cos recoñecementos á empresa veterana e á empresa de nova creación e recibiron, como galardón unha figura realizada polo artista local César Dapena e un diploma acreditativo.
Este certame, co que tamén colaborou a Mesa Local pola Normalización Lingüística, os representantes dos grupos políticos municipais e a Asociación Seara, xurdiu a iniciativa da Comisión Municipal de Normalización Lingüística que buscaba, deste xeito, recoñecer a contribución á normalización no emprego do galego que realizan os empresarios e autónomos de As Pontes.
O acto de entrega destes galardóns estivo presidido pola edil de Cultura, Eva Conde; a representante da Cámara de Comercio de Ortigueira, Cristina Sequeiro; Daniel Filgueiras representante do colectivo Seara; e o xerente da empresa Progando e representante do foro Henrique Peinador, Xosé Turnes.
Precisamente, este último foi o encargado de ofrecer unha breve conferencia en relación ao uso do galego no sector empresarial. Turnes apelou, na súa disertación, á necesidade de normalizar o uso do galego en todos os ámbitos, recoñecendo o sector empresarial como un dos máis afastados dese obxectivo.
Turnes avalou esa posibilidade real de acometer o emprego do galego, aínda coas dificultades que comporta nas actividades diarias dunha empresa e defendeu esta opción coma unh avantaxe á hora de tratar cos clientes, entendendo que o idioma propio é hoxe un elemento básico para a transmisión de proximidade e mesmo como estratexia de imaxe positiva, e de fidelización.
Este primeiro premio Tesouro contou con máis dunha ducia de participantes dos que se seleccionaron un total de cinco para a fase final dos que saíron os dous gañadores.
No hay comentarios:
Publicar un comentario