lunes, 2 de mayo de 2011
Máis de 200 veciños inauguran con ritmos brasileiros a Avenida da Coruña no Día Internacional da Danza
Non é doado ver ao mesmo ritmo e seguindo o mesmo compás a máis dun cento de ponteses e pontesas pero como non existen os retos imposibles, o pasado venres, tivemos a oportunidade de desfrutar da coordinación e estilo de moitos dos nosos veciños e veciñas que decidiron sumarse á celebración do Día Internacional da Danza e é que, quen máis e quen menos, leva o ritmo no corpo e non se puido resistir a un macrobaile que, por uns minutos, encheu de festa a remodelada avenida da Coruña que non puido desexar mellor estrea.
Baixo o ritmo do Berimbau Metalizado da cantante brasileña Ivete Sangalo puidemos desfrutar dun macroespectáculo froito de moitas semanas de ensaios baixo a dirección do mestre da escola municipal de danza moderna Jaime Pablo Díaz, responsable dunha sinxela e vistosa coreografía que logrou reunir a veciños e veciñas de todas as idades que compartiron, durante uns minutos, o que é a danza, o que implica pensar co corpo e desfrutar da música, sen ter en conta quen é o que máis se asemella ao gran Jean Georges Nouverre, creador da danza moderna e que, de seguro, que desfrutaría ao máximo con este espectáculo no que non houbo diferenzas de idade ou de ritmo.
Pero aí non remataba a tarde porque tralos artistas locais tocaba contar con dous grupos convidados que se gañan a vida expresando o seu pensamento mediante o seu corpo e cos seus movementos coma as formacións Diciembre Dance Group, dirixida pola asturiana Lucía Piquero, ou os recentemente formados Catro no Metro que coa súa montaxe Bótoche unha Man deron conta de como expresar sen verbas e mediante a simboloxía dos movementos a colaboura e axuda para cos demáis.
Deste xeito, As Pontes sumábase ás diferentes celebracións organizadas por todo o mundo para homenaxear unha disciplina como é a danza e que permite que con tan só un movemento do noso corpo os nosos pensamentos e sentimentos se fagan visibles.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario