martes, 25 de septiembre de 2012
Este venres poderemos ver, nunha exposición pública, o resultado do proxecto audiovisual Rotopala.
Este venres poderemos ver, nunha exposición pública, o resultado do proxecto Rotopala.
A partir das oito do serán proxectaranse no Salón de Actos da Casa Dopeso, as curtametraxes resultantes do obradoiro de videocreación “Proxecto Rotopala”, realizado ao longo dos meses de Agosto e Setembro, respectivamente, na nosa vila e na polaca de Konin. Esta aventura conxunta pretende contrastar o patrimonio industrial das dúas vilas mineiras.
O proxecto foi organizado pola Plataforma na defensa do patrimonio de As Pontes, co apoio do INJUVE, e impartido pola pontesa Sabela Pernas, reputada profesional do Audiovisual galego, encabezando un equipo no que tamén estiveron outra pontesa, a especialista en Psicoloxía Ana Seijo, e unha Licenciada en Belas Artes e Fotografía, Sol Álvarez.
O mes pasado, ó longo de quince días, desenvolveuse nas Pontes un obradoiro de videocreación dirixido a rapaces de entre 13 e 30 anos, tendo como tema o traslado de dúas rotopalas pontesas á mina de Konin. Deste obradoiro saíron cinco historias sobre “Carmen” e “Dolores” , que foron os nomes cos que bautizaron no seu destino da mina de Konin ás rotopalas.
Neste mesmo mes de Setembro esas historias foron rematadas por outros tantos mozos e mozas de Konin, dando como resultado cinco creacións audiovisuais internacionais, de autoría compartida.
A proposta tivo moi boa acollida en Polonia e o Club Amateur de Cineastas “Muza” da KDK (Casa da Cultura de Konin), dirixido por Andrzej Moś, involucrouse no proxecto con moito interese.
Baixo o lema “pensar global, actuar local” que promove o programa Xuventude en Acción, as obras audiovisuais serán o resultado máis visible do proxecto. Pero a cousa non vai quedar aí, pois nunha segunda fase, xa se pretende crear un espazo de reflexión e analisar as semellanzas e diferenzas entre dous encraves mineiros que están a atravesar diferentes fases do mesmo proceso, aínda no de desenvolvemento no caso de Konin e xa de reconversión no caso pontés.
Un dos aspectos que está a resultar máis interesante é a proposta por parte dos polacos de establecer un intercambio dos materias de arquivo de ambas vilas para crear un fondo fílmico que poderá ser empregado en proxectos futuros.
O obxectivo final do proxecto é que a xuventude consiga ver doutro xeito a súa paisaxe máis próxima e cotiá, permitindo reflexionar e poñer en valor o patrimonio industrial das súas vilas.
O venres a partir das oito do serán, e en Casa Dopeso, poderemos ver as cinco creacións audiovisuais que, logo de comezaren aquí en As pontes, ao seren finalizadas en Konin convertiranse en producións internacionais de autoría compartida.
As responsables deste proxecto, Sabela Pernas, Sol Álvarez, e Ana Seijo, traballan xa agora para poñer en marcha unha páxina web onde expoñer os proxectos, e que serviría ademais para impulsar a relación entre os rapaces e rapazas dos dous países.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario