sábado, 13 de octubre de 2012

As Pontes conmemora o Día Internacional da Muller Rural cunha conferencia e a proxección dun documental

• A concellería de Servizos Sociais e o CIM están a organizar para o luns estas actividades que terán coma protagonista o Instituto de Liderazgo Las Segovias de Nicaragua O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), sumarase, o vindeiro luns, á conmemoración do Día Internacional da Muller Rural. Será cunha charla que precisamente o 15 de outubro protagonizará a directora do Instituto de Liderazgo de las Segovias de Nicaragua, Haydeé Castillo, e que terá como escenario a Casa Dopeso. De feito, nesta cita aberta a todo o público e que dará comezo ás 10.30 horas, tamén se presentarán diferentes casos en materia de xénero que se sucederon ao abeiro da Fundación Ayuda en Acción no departamento de nueva Segovia, organización que ten coma principal obxectivo empregar todas as ferramentas coas que conta para promover a formación da cidadanía excluída e dos sectores máis desfavorecidos para lograr a transformación real da sociedade. Pola súa parte Haydeé del Castillo dará conta en primeira persoa das súas experiencias persoais e a ela sumaranse algúns dos integrantes do equipo técnico da delegación galega de Ayuda en Acción, que meses atrás participaron nas diferentes actividades desenvolvidas polo Instituto de Las Segovias en Nicaragua. Ademáis das diferentes intervencións, a conferencia do vindeiros luns incluirá a proxección dun documental sobre o traballo desenvolvido polo Instituto de Liderazgo, titulada Mujeres Liderando, e no que se recollen testemuños das mulleres do Departamento de Nueva Segovia, que relatan o seu traballo e o seu día a día dende a posta en marcha en 1996 desta organización. Dende a concellería que dirixe José Alén quixeron convidar á cidadanía a desfrutar, o vindeiro luns, desta interesante iniciativa que ten coma principal destinatario ás mulleres, aos colectivos femininos e ás emprendedoras locais. O programa para a conmemoración do Día Internacional da Muller Rural péchase coa realización dunha revista oral, actividade que xa terá lugar no veciño concello de Xermade e que estará dirixida pola propia Haydee Castillo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario