jueves, 4 de octubre de 2012

O CONCELLO APOSTA POLA NORMALIZACIÓN CO OBRADOIRO CANTO CONTO

O Concello das Pontes, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, dependente da Concellería de Cultura, vai ofrecer, a partir da vindeira semana, a posibilidade de adestrarse nas artes da narración oral por medio da actividade Canto Conto, que comeza o vindeiro martes, día 9, ás cinco da tarde na biblioteca municipal. Este obradoiro terá unha duración de 21 sesións, de hora e media cada unha, e desenvolverase todos os martes, mércores e xoves, ata o 20 de novembro. O monitor do curso, contacontos e dinamizador sociocultural Raúl Piñeiro, será o condutor deste curso, co que se propón un achegamento panorámico e de iniciación ás diversas variantes da narración oral, desde os máis tradicionais contacontos ata os actuais monólogos, o guión radiofónico ou a comunicación publicitaria. De calquera xeito, hai que salientar de que esta actividade non só está pensada para se achegar a estas disciplinas do espectáculo, senón que transversalmente mellora as nosas destrezas comunicativas para a vida cotiá. O obxectivo será que os alumnos e alumnas tomen consciencia das súas habilidades comunicativas e ser quen de sacarlle proveito en calquera situación: desde contarlle un conto a uns nenos ata resultar máis persuasivos nunha entrevista de traballo. A actividade rematará cunha xornada de presentación pública da actividade, onde aqueles alumnos que o desexen poderán amosar aos seus coñecidos o froito do labor realizado durante o curso. Así mesmo, a actividade dispón para a súa difusión do blog www.cantoconto.wordpress.com. Calquera persoa interesada pode informarse e inscribirse no correo electrónico cantocontoaspontes@gmail.com ou no teléfono 610 908 419.

No hay comentarios:

Publicar un comentario