miércoles, 12 de diciembre de 2012

O PROGRAMA CINE DE NADAL OFRECERÁ, ATA O 3 DE XANEIRO, UN TOTAL DE SETE FILMES EN OITO PROXECCIÓNS PARA TODO TIPO DE PÚBLICO

Non hai festas do nadal que se precien en As Pontes que non inclúan unha homenaxe ao mundo da sétima arte e é que, non podían faltar, para as vindeiras datas proxeccións cinematográficas para pequenos e adultos, ao abeiro do programa de Nadal deseñado dende o departamento municipal de Cultura. Un total de sete filmes, tanto para público infantil coma para adultos, integrarán a carteleira cinematográfica da que poderemos desfrutar dende o venres da vindeira semana. Como inauguración deste ciclo nada mellor que o éxito de Olivier Nakache e Eric Toledano Intocable, baseada na relación entre un aristócrata tetrapléxico e un coidador nado nun barrio marxinal e recentemente saído do cárcere, que se traduce nun choque de xeitos de ver e de vivir a vida, de experiencias que acaban conxeniando ata dar lugar a unha relación de amizade única. François Cluzet, Omar Sy e Audrey Fleurot protagonizan esta comedia para maiores de 7 anos que se proxectará o día 21, ás 20.30 horas no auditorio municipal Alovi. E xa para o día 22 e no mesmo horario será posible desfrutar da última incursión cinematográfica de Richard Gere e Susan Sarandon: El Fraude; unha historia dun magnate dos negocios arruinado que debe vender o seu imperio a un banco denantes que se de a coñecer o fraude no que está inmerso. Tim Roth e Laeticia Casta completan o reparto deste filme que conta coa dirección de Nicholas Jarecki. Tralo paso da xornada de Nadal, o cine regresará ao Alovi o día 26 de decembro da man da película francesa El Nombre. Dirixida por Matthieu Delaporte, esta comedia lévanos ata a primeira experiencia coma pai dun triunfador de 40 anos de nome Vicent e das súas dificultades para escoller o nome do seu futuro fillo. Patrick Bruel e Charles Berling protagonizan esta historia de humor e situacións do máis caóticas que se proxectará o día 26 dende as 20.30 horas e que está dirixida a público de todas as idades. O 27 de decembro teremos dobre sesión de cine e é que, para esta xornada, contaremos cunha película para o público infantil e outra para os adultos. Na sesión dos máis pequenos, que arrincará ás 18.00 horas, poderemos desfrutar de Campanilla El secreto de las Hadas, un filme de animación no que acompañaremos a esta fada tan popular a unha viaxe polo bosque do inverno, un lugar misterioso e prohibido que Campanilla se empeña en investigar. Xa ás 20.30 horas o relevo do cine infantil collerao a película El irlandés, protagonizada por un policía conflictivo, cómico, adicto ás mulleres de alterne e que deberá investigar a unha banda que trafica con drogas na compaña do seu polo oposto: un axente do FBI, concienzudo, serio e implacable. El irlandés, dixido por John Michael McDonagh, proxectarase ás 20.30 horas. Na xornada do 28 de decembro tamén teremos a cuarta entrega de Ice Age. Novamente Silly, Manny e Diego vivirán unha nova aventura en plena formación dos continentes. E é que o rato Scratch volve agochar unha landra co mesmo resultado dos filmes anteriores: a ruptura da terra. Nesta ocasión, esta particular manada deberá regresar ao seu fogar pero enfrontándose a diversos perigos coma unha banda de piratas. A proxección arrincará ás seis da tarde. E pechamos o ciclo de cine de Nadal os días 2 e 3 de xaneiro coa dobre proxección do filme de animación O Apóstolo, na que coñeceremos a un convicto fuxido do cárcere que tratará de recuperar o botín que ten agochado nunha aldea. Neste particular lugar, este preso atopará a extranos anciáns, sucesos paranormais e sorpresas do menos atractivas e terroríficas. A Casa Dopeso será o lugar no que se proxecte ás 20.30 horas e estes dous días, este filme dirixido a maiores de sete anos, no que se conta coas voces de Carlos Blanco, Jorge Sanz, Luis Tosar ou Manuel Manquiña. No tocante ao prezo das entradas, todas as sesións contarán con localidades para adultos a un prezo de 3 euros, namentras que os máis pequenos deberán aboar euro e medio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario